bosque
(
-
s
m
[BOT]
Formación vexetal na que as árbores ou arbustos constitúen o elemento máis conspicuo e no que adoitan presentar estruturas densas que permiten unhas condicións microclimáticas, con elementos como a temperatura, humidade e sombra, peculiares, o que permite a existencia dun espectro de vexetais e animais propios e adaptados a este medio. Os bosques cobren unha cuarta parte dos continentes agás aqueles que presentan unhas condicións climáticas extremas como son Grenlandia e a Antártida; o 60% están en Rusia, Brasil, Canadá, EE UU, China, Indonesia e Congo. Os principais tipos de bosque son: o bosque ecuatorial, de alta diversidade, cun dosel arbóreo continuo ata os 25 m, de onde destacan algunhas árbores que chegan ata os 50 m e un sotobosque limitado pola pouca luz que chega ao chan; o bosque tropical que precisa dun mínimo de 1.500 mm de precipitación anual e que no período de seca non sexa de máis de 3 meses; os bosques extratropicais, entre os que destacan a taiga (bosque de coníferas de ambientes fríos e verán curto), os bosques de bidueiros, os bosques temperados (con predominio de poucas especies arbóreas como as carballeiras e as faias) e o bosque mediterráneo (resistencia ao frío do inverno e á seca estival cun sotobosque xerófilo e con leñosas que nas partes máis húmidas presentan aciñeiras, sobreiras e carballos, e na máis seca aciñeiras con piñeiros e sabinas). Os bosques manteñen a biodiversidade, proporcionan madeira e leña aos 50 millóns de indíxenas que viven neles, evitan a erosión, regulan o ciclo hidrolóxico, reteñen o carbono e frean o cambio climático. Os maiores produtores mundiais de madeira son países industrializados como EE UU, Canadá e Rusia. As antigas civilizacións xurdían en terras virxes en condicións favorables para o asentamento humano. Ao ser a madeira o principal combustible e material de construción, estas prosperaban ata que remataban por esquilmar este recurso, o que lles obrigaba a unha nova colonización. As ameazas para o bosque son a agricultura, a gandería, a minería, os encoros, a extracción de madeira -un terzo da poboación mundial tena como principal fonte de enerxía-, o crecemento demográfico humano e o cambio climático. Os bosques boreais supoñen o 48%, os tropicais o 48% e os temperados o 3%. Os bosques temperados de Europa e EE UU son os máis ameazados. Nos países industralizados a extensión das masas arbóreas mantense aínda que se establece por plantacións forestais, coa conseguinte substitución de bosques primarios por secundarios. O 80% dos bosques primarios foron destruídos; en Europa só se manteñen grandes masas arbóreas ininterrompidas en Suecia e Finlandia. Para evitar a deforestación global do planeta -e a consecuente perda da maior parte da súa biodiversidade- débese promover a sostibilidade mediante o establecemento de normas de etiquetaxe da madeira proveniente de bosques controlados na súa produción, a creación de espacios protexidos, reforestación e maior equilibrio social que evite o cultivo en masas forestais virxes.
Ex: Quero ir de paseo polo bosque.
Sinónimos: fraga. Confrontacións: arboredo, foresta. -
bosque de galería
Bosque que ocupa bandas longas e estreitas de terreo e onde xeralmente as copas entran en contacto entre elas formado un contínuum. En xeral, as galerías de bosque seguen o curso dos ríos ou o fondo húmido dos vales; é o caso do bosque de ribeira como os amieirais.
-
bosque mixto
Bosque onde conviven de xeito natural árbores caducifolias e coníferas.
-
bosque primario
Bosque orixinal que presenta unha serie de especies e unha estrutura produto dunha longa evolución.
-
bosque secundario
Bosque produto de reforestación natural ou artificial.