Boletín Oficial de la Provincia de La Coruña

Boletín Oficial de la Provincia de La Coruña
[PUBLIC]

Xurdiu o 2 de xuño de 1834 e pasou por diferentes etapas. Nun principio incluía como todos os periódicos oficiais da época, non só información local, senón tamén datos de carácter xeral, anuncios e artigos varios. Contaba con seccións como “Artículos de oficio”, “Real decreto”, “Ministerio de lo interior” ou “Anuncios”. Pola década dos anos corenta só prevalecían “Artículos de oficio”, “Anuncios oficiales” e “Anuncios”. Neste último apartado introducíronse debuxos para ilustrar os anuncios varios, como casas, barcos, carruaxes, etc. Chegou mesmo a incluír poemas patrióticos e de circunstancias. Deste xeito, podemos salientar o número 147, con data do 6 de xullo de 1836, onde aparecía o “Diálogo entre Gorecho e Mingos”. Trátase dun dos primeiros textos galegos en prosa, texto que formou parte dos diálogos de sátira política que tanto proliferaron no século XIX. Nun principio ao abeiro da loita contra os franceses, e despois no marco das liortas entre liberais e absolutistas.