brazo

brazo

(< lat brachĭu ‘brazo’)

  1. s m [ANAT]
    1. Cada unha das dúas extremidades torácicas do ser humano.

    2. Parte comprendida entre o ombreiro e a man.

    3. Parte de cada extremidade torácica do home comprendida entre o cóbado e o ombreiro (en oposición ao antebrazo). O esqueleto do brazo está constituído polo úmero, que se articula coa escápula no ombreiro e co cúbito e o radio no cóbado. Os músculos do brazo están envoltos pola aponeurose braquial que circunscribe as rexións braquiais anterior e posterior. Na rexión braquial anterior hai dous planos musculares: o superficial, constituído polo deltoide e o bíceps, e o profundo, constituído polo coracobraquial, o braquial anterior e o supinador longo. Na rexión braquial posterior só está o tríceps braquial. Os vasos sanguíneos están constituídos pola arteria e a vea umeral, nos planos profundos, e polas veas basílica e cefálica, nos planos superficiais.

  2. s m [ZOOL]
    1. Cada un dos dous apéndices torácicos móbiles, especialmente locomotores, que teñen algúns animais. Nos tetrápodos reciben este nome as extremidades anteriores, relativa ou totalmente liberadas das funcións locomotoras, e que poden ser usadas para a manipulación de materiais ou para a captura de alimentos.

    2. Nome que reciben os tentáculos dos cefalópodos, as extremidades dalgúns equinodermos e as pinzas dalgúns crustáceos.

    1. s m

      Parte dunha cousa que se alonga en forma de brazo, partindo dun tronco, eixe ou núcleo.

      Ex: O brazo do guindastre caeu enriba do coche aparcado.

    2. s m

      Barrotes que se sosteñen entre o respaldo e o asento dunha butaca, dun sofá, dun trono, etc, onde a persoa sentada repousa os brazos.

      Ex: Mercamos unha cadeira de brazos de madeira.

      Confrontacións: relleira.
    3. s m

      Cada metade do traveseiro da cruz.

    4. s m

      Cada un dos dous saíntes de ferro da empuñadura da espada, que forman unha cruz coa parte vertical desta.

    5. s m [ASTRON]

      Nas galaxias espirais, cada unha das partes que envolven o núcleo.

    6. s m [FÍS]

      Distancia do punto de referencia á recta de acción da forza.

    7. s m [FÍS]

      Nunha panca, distancia entre o punto de soporte e o punto de aplicación da forza, medida perpendicularmente á dirección da forza.

    8. s m [MAR]

      Cada unha das partes dunha verga comprendida entre a cruz e cada penol.

    9. s m [MAR]

      Cada unha das dúas partes da áncora comprendidas entre a cruz e cada unlla.

    10. s m [XEN]

      Cada un dos dous segmentos principais do cromosoma separados polo centrómero, que determina (coa súa posición) a lonxitude destes.

    11. brazo de mar [XEOG]

      Canal formado por unha estreita porción de mar que entra na terra e que queda entre o litoral continental e unha illa próxima.

    12. brazo de río [XEOG]

      Parte dun río que se separa do seu curso principal para formar un secundario, que corre máis ou menos paralelo ao principal co que se reúnen de novo antes de desembocar no mar. Este fenómeno adoita producirse nos cursos baixos, onde as pendentes son mínimas e a dinámica fluvial provoca a sedimentación dos materiais aluviais no medio do leito, formando illotes que rematan por dividir o curso.

    13. brazo de xitano [ALIM]

      Elaboración pasteleira de forma cilíndrica, máis ou menos longa, que se compón dun biscoito de forma rectangular, lixeiramente borracho, con recheo de crema pasteleira, marmelada, nata, trufa, etc. Preséntase envolto e decorado tradicionalmente con azucre queimado cun ferro candente. Chámaselle tamén biscoito envolto.

    14. brazo falso [XEOG]

      Brazo dun río que, despois de separarse do curso principal, non volve reunirse con el, senón que se filtra ou desemboca nunha área pantanosa.

    15. brazo fonocaptor [TECNOL]

      Nun tocadiscos, brazo que sostén a cápsula fonocaptora nun extremo e permite que a punta de lectura desta se desprace por riba do disco e que se mova polo camiño fixado polo avance do suco. O outro extremo, ou ben pivota sobre un suco vertical (brazo radial), e fai que a agulla describa unha traxectoria curva, ou ben se despraza sobre unha guía horizontal, e entón a agulla describe unha traxectoria recta e perpendicular á tanxente dos sucos (brazo tanxencial). Un contrapeso variable permite regular a forza da punta de lectura sobre o suco. Nos brazos radiais pode, polo menos, contrarrestar a forza lateral da punta de lectura.

    16. brazo morto [XEOG]

      Antigo meandro dun río, que polos procesos de sedimentación, quedou cegado ou estrangulado.

  3. [HERÁLD]
    1. s m

      Figura en forma de brazo, xeralmente o dereito, cuberto por unha armadura, normalmente de prata.

    2. brazo nu

      Figura de brazo sen roupa.

    3. brazo vestido

      Figura de brazo con roupa.

  4. [HIST]
    1. s m

      Cada un dos grupos que a modo de cámaras reúnen os representantes dos diferentes estamentos dun país e que constitúen, baixo a presidencia do rei, as Cortes dos diferentes reinos. A designación de brazos aparece, no s XV, aplicada aos diferentes estamentos parlamentarios, e responde á concepción política medieval que consideraba o país, e polo tanto as Cortes, como representación suprema, como un corpo no que a cabeza é o monarca e os brazos os diferentes estamentos sociais: os magnates, os cabaleiros e outros xentilhomes (brazo militar), os eclesiásticos (brazo eclesiástico), e os cidadáns e os burgueses (brazo real ou popular). Os brazos deliberaban separadamente nas Cortes. Comunícanse por medio de tratantes ou negociadores.

    2. brazo secular/real

      Designa a autoridade do maxistrado civil e secular en contraposición ao eclesiástico e, en particular, o poder de executar as ordes e sentencias que os tribunais eclesiásticos podían ditar, pero non levar a efecto. É o caso do tribunal da Inquisición e doutros tribunais eclesiásticos.

  5. s m pl

    Traballadores, especialmente os que desenvolven un labor manual.

    Ex: As obras non avanzan porque faltan brazos.

Frases feitas

  • A brazo aberto. Con moita forza.

  • A brazo partido. Combate sen armas.

  • Cos brazos abertos. Recibir a alguén con ánimo acolledor ou compracente.

  • Dar o brazo a torcer. Ceder.

  • En brazos. Xeito de levar unha persoa a outra apoiándoa por riba do antebrazo formando un ángulo co brazo superior no que se agarra.

  • Estar) de brazos cruzados/cos brazos cruzados. Permanecer inactivo.

  • Ir co brazo torto onda alguén. Levarlle un regalo. (

  • Meterlle un brazo por unha manga. Ter a imposibilidade de facerlle algunha cousa unha persoa a outra.

  • Non dar o brazo a torcer. Manter unha postura ou unha opinión obstinadamente.

  • Ser o brazo dereito de alguén. Ser a persoa de maior confianza ou o seu principal instrumento, do que non se pode prescindir.

  • Ser unha persoa un bo brazo de labor. Ser preguiceiro.

  • Ter moito brazo cos comerciantes. Ter aptitudes para relacionarse.

  • Vivir alguén polos seus brazos. Vivir do traballo propio.