Brigantium

Brigantium
[PUBLIC]

Xurdiu na Coruña no ano 1980. Subtitulouse “Boletín do museo arqueolóxico e histórico de A Coruña”. Tivo dous directores, Felipe Senén López e o director honorario Manuel Chamoso Lamas. Esta publicación bilingüe, que se editaba cada ano, contou coa colaboración de J. M. Vázquez Varela, Felipe Criado Boado, Fernando Alonso Romero, Jaime Delgado Gómez e Raquel Casas García, entre outros. Na presentación afirmaba o seu interese pola arqueoloxía, prehistoria, historia, etnografía, arte, epigrafía e numismática. Nos volumes que van dende o número 2 ao 6 inseriu unha sección que se denominou “Varia”. Deulle prioridade á prehistoria, mentres que case non daba cabida ás investigacións sobre os séculos XIX e XX, etapa na que se desenvolveu a prensa galega. Destacou pola excelente presentación e pola calidade dos traballos, sempre ben documentados e ilustrados. Os artigos abranguían dende o mundo técnico, ata os costumes populares. Foi unha das poucas publicacións galegas que antes do artigo insería un pequeno resumo en castelán, galego ou inglés, segundo a lingua que empregaba o autor.