bruxa
-
s
f
[ETN]
Muller que, segundo as crenzas populares europeas, ten pauto co demo, do que recibe poder para realizar meigallos, adiviñar o futuro, etc. En Galicia, representa un personaxe fronteirizo entre a superstición e a relixión, tratado con simpatía e respecto, nunca con odio. Ademais, coma no resto de Europa, a bruxa voadora é o símbolo da mala persoa. Nunha cultura como a tradicional, na que cristián equivale a persoa cabal, a bruxa, a mala persoa mítica, é a imaxe en negativo do cristián. Así como o cristián imita a Deus, a bruxa imita o Demo; así como o cristián é servo de Deus, a bruxa é a serva de Satán. Por iso, todas as características atribuídas ás bruxas son as mesmas ca as do demo. E por iso, a relación entre a bruxa e o demo é a copia, tamén en negativo, da relación entre os cristiáns e Deus. No bautismo o cristián renega de Satán e faise fillo de Deus; no seu bautismo a bruxa renega de Deus e da relixión e faise serva do demo. O cristián adora a Deus, mentres que a bruxa adora o demo. O cristián ofrece culto a Deus o domingo e teme o venres, día da morte de Xesús; a bruxa celebra os aquelarres o venres e despreza os domingos. O cristián debe respectar a vida; a bruxa provoca a morte tanto das persoas, coma dos animais e dos campos. Para asistir ao aquelarre ou misa negra, que é un arremedo da misa católica, a bruxa unta determinadas partes do corpo con ungüentos maléficos -arremedo dos que se usan nas uncións cristiás-, case sempre feitos con cadáveres ou con animais satánicos, que se poñen nos mesmos lugares nos que o crego lles pon as uncións aos crentes: mans, pés, boca, oído, testa e peito, só que o crego unta eses lugares para limpalos do pecado e a bruxa unta o ungüento para impurificalos: as mans porque con elas se fan tantas obras pecaminosas; os pés porque levan ao lugar do pecado; a boca porque pronuncia palabras e o oído porque as escoita; e a testa e o peito, porque representan o pensamento e a vontade. Unha vez que a bruxa se unta co ungüento maléfico convértese nun ser impuro, nun ser satánico, nun espírito do mal. E, como espírito que é, pode voar e tamén pode pasar pola pechadura dunha porta, por un buraco ou pola cheminea. Como medio de transporte para voar utiliza unha vasoira, unha rella de arado ou un cazo; a vasoira porque é o obxecto máis sucio -e, polo tanto, máis impuro- da casa; a rella porque é de ferro, metal asociado co demo porque se oxida e se corrompe; e o cazo ou outro cacharro da cociña, porque está asociado coa muller e esta co demo -por iso se fala máis de bruxas ca de bruxos-. A bruxa leva a cabo todo o que o cristián ten prohibido: mente, mata, comete adulterio e incesto, e provoca tempestades e pedrazo. Leva a cabo, en fin, toda clase de males. Neste sentido, os contos de bruxas desempeñan unha apreciable función educativa, en canto lles aprendían aos nenos todo o que non debían facer. No que respecta á imaxe da mala persoa, a bruxa é, claro está, un ser imaxinario. Pero esta imaxe pode aplicarse a persoas reais ás que se considera malas. En realidade, cando alguén acusa a un veciño de bruxo, estao acusando de mala persoa. E o temor a ser acusado de bruxo e, polo tanto, de anti-cristián e inhumano, forza á xente a comportarse de acordo coas normas establecidas. A sociedade supersticiosa utiliza defensas para protexerse das accións perniciosas das bruxas: allos, figas (puño cerrado no que o dedo polgar se introduce entre o índice e o anular), cornos de vacaloura, cruces, evanxeos, auga bendita e outros elementos relacionados coa natureza ou a relixión católica que son protectores espirituais ou simbólicos empregados contra as actuacións destes seres. Así pois, a bruxería, lonxe de ser unha superstición absurda, cumpre unha importante función social como medio de control. Tamén serve para explicar os males acontecidos por azar, por causa descoñecida. Unha das características das malas persoas e, polo tanto, das bruxas, é que enganan. Así como o anxo do mal, o demo, se viste de anxo da luz, os bruxos sempre finxen ser cristiáns exemplares. De aí que a xente de cultura tradicional sospeite especialmente de quen, como os cregos e curandeiras ou santas, desempeña un papel cargado de sacralidade. Por esta razón, a meiga -a médica- acabou identificándose coa bruxa (xeralmente se asocia a meiga con significados positivos e a bruxa con negativos). Consecuentemente se distinguen dous tipos de curandeiras que se corresponden cos dous sistemas médicos existentes na cultura tradicional: a curandeira médica e a bruxa curandeira. A curandeira médica actúa segundo os principios da medicina natural, que non é outra que a medicina humoral ou hipocrática que estudiaron os médicos nas facultades europeas ata o século XVIII; recéitalle ao enfermo plantas e carnes que o deben curar polos seus efectos naturais. Pola contra, a bruxa curandeira, ou simplemente bruxa, cura por medio de esconxuros e mediante o uso de defensas simbólicas. A bruxa curandeira non precisa dun longo proceso de aprendizaxe. Precisa ter man, necesita ter poder, poder que é de orixe divina. Nos seus esconxuros as bruxas curandeiras repiten que non curan a través do seu poder nin da súa sabedoría, senón “polo poder de Deus e da Virxe María”. A elección divina queda marcada por medio de certos signos: ter no padal da boca unha cruz ou a roda de santa Catalina; nacer nun día especialmente santo, como o día de Nadal; falar no ventre da nai, etc. Realizan os seus ritos nas igrexas, nos cruceiros e noutros lugares santos. Cando actúan na súa casa, procuran que sexa nun ambiente cargado de sacralidade, con cruces, estampas, imaxes de santos, candeas, incenso, etc. Tratan o meigallo, o mal de ollo, o mal de aire e outras enfermidades de tipo psíquico ou psicosomático. Non son, pois, o substituto popular dos médicos senón dos psiquiatras e psicólogos. Nos últimos anos nas cidades galegas existen, ademais dos dous tipos de curandeiras tradicionais, outros moitos, algúns deles importados. Empregan o magnetismo, a curación por medio do barro, o espiritismo, o vudú e outros rituais afroamericanos. E cada vez cobran máis forza as artes adiviñatorias, sexa coa baralla española ou co tarot.
-
s
f
Muller mala que causa dano ou provoca conflitos de maneira intencionada.
Ex: A miña veciña é unha bruxa que non nos deixa vivir en paz.
-
s
f
Curandeira que emprega esconxuros.
-
s
f
Muller vella e fea.
-
s
f
[ANIMAL]
bicuda.
-
caza de bruxas
[HIST]
-
Conxunto de medidas inquisitoriais destinadas a localizar e castigar as persoas sospeitosas de bruxería.
-
Expresión extraída da obra de Arthur Miller The Crucible (As bruxas de Salem, 1953), que pasou a designar o período de represión política nos EE UU (1950-1954) dirixido polo senador MacCarthy.
-