bufón d’El Rei, O
Texto dramático escrito por Vicente Risco e publicado en 1928 que constituíu, daquela, unha valiosa contribución ao desenvolvemento dunha literatura dramática galega de calidade e universal. A obra constitúe un drama de carácter tráxico e lendario, apoiado nunha estética inspirada por diversas achegas do teatro simbolista. Malia algunhas chatas na concepción e desenvolvemento da trama, a obra supuxo unha ruptura temática e argumental na literatura dramática da época, ancorada nun realismo costumista, enxebrista e folclórico; presenta os misterios da deformidade física e moral do home e a presenza e consistencia do Mal, un dos temas que máis lle preocuparon a Risco dende a súa iniciación teosófica. Neste texto, marcadamente simbolista, déixase sentir a influencia de Oscar Wilde e Maurice Maeterlinck, así como a pegada do que se coñece como novela gótica, tan querida polos amantes do exótico e do esotérico. O espectáculo teatral baseado nesta obra foi producido polo Centro Dramático Galego en 1997 e dirixido por Manuel Guede Oliva. O elenco da traxedia estaba formado por Rosa Álvarez, Xosé Olveira (Pico), Andrés Pazos, María Barcala e Marcos Viéitez. Estes actores acompañábanse dun coro integrado por catro actores e seis actrices que, como representantes do pobo, situaban o drama nun contexto histórico contemporáneo aínda que sen referentes concretos; ademais, podían servir de apoio físico aos protagonistas ou converterse en simples elementos escénicos. Entre os aspectos máis destacables do espectáculo cómpre subliñar a coreografía de Mónica Runde e a escenografía de Iago Seara que, xunto coa iluminación de Francisco Veiga, contribuíron a dotar a posta en escena do simbolismo que o director define na súa proposta dramatúrxica, asentada tamén na capacidade evocadora do movemento, da postura e no carácter físico do actor.