Bugarín
-
[ONOM]
Apelido de orixe toponímica. O topónimo ao que remite presenta etimoloxía escura. Documéntase desde o s XIII: “Alfonso Rodriguez Bugarin” (doc ano 1250 en E. Rivas Quintas Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 532).
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe orixinaria da parroquia Bugarín, en Ponteareas, que deixou ilustres membros pola vilas do sur de Galicia como Porriño, Baiona, Pontevedra, etc. As súas armas levan escudo cortado: primeira partición, en campo de prata, con tres flores de lis de azul, postas en faixa; segunda partición, en campo de azul, cun brazo nacente do flanco sinistro, agarrando coa man tres ou catro paos entrecruzados, de prata. Outra variante trae escudo cortado: primeira partición, en campo de prata, con tres lises de azul colocadas en faixa; segunda partición, en campo de azul, cun brazo vestido movente do lado sinistro, sostendo na man tres varas de prata. Reséñase tamén outro escudo que ostenta: en campo de ouro, dous brazos vestidos e enluvados, moventes, un do flanco sinistro e outro do destro, sostendo cada man un feixe de ramallos de prata.