Burgo, ría do

Burgo, ría do

Ría situada na marxe S da ría da Coruña. Ten unha disposición meridiana de xeito que as súas beiras quedan enfrontadas unha ao L e a outra ao O. A cabeceira sitúase na praia de Santa Cristina, onde desemboca o río Mero, e remata na punta de Oza, na marxe L, e na illa de Santa Cristina, na marxe O. Baña as costas das parroquias do Burgo, no concello de Culleredo, Oza e Elviña no concello da Coruña, O Temple no concello de Cambre e Perillo no concello de Oleiros. Litoloxicamente, nas súas beiras apréciase unha gran diversidade de materiais diluviais constituídos por cuarzo e cantos rodados de cuarcita, ademais de depósitos de praia. Pola beira da ría discorreu unha vía romana, procedente de Iria e Noia.