Buscapié, El

Buscapié, El
[PUBLIC]

Xornal satírico de Pontevedra que se presentou por primeira vez ao público o 6 de maio de 1886. Saía todas as semanas en marca maior de dobre vitela, en catro páxinas e ao prezo de dez reais por trimestre. Confeccionábase na Imprenta del Siglo, que era propiedade de Arturo Tiscar e Xoaquín Buceta Solla, sendo o responsable da súa edición Esteban Sanz. O prelo e a administración estaban situadas na praza da Constitución 5 e 14 da cidade do Lérez. Saíu co subtítulo de “Periódico satírico, de noticias y anuncios” e nesta primeira etapa tivo un carácter festivo, ridiculizando determinadas necesidades sociais e locais. Aparecían redactores e colaboradores que empregaban con frecuencia un pseudónimo (El Consabido, Saca-Trapos, El Buscapié, La Sombra, El Diputado Local). Posiblemente detrás destes sobrenomes estiveran os que se coñecen como fundadores e redactores do xornal, é dicir, Luís Rodríguez Seoane, Claudio Cuveiro e Xoaquín Buceta Solla. Máis tarde a esa nómina de colaboradores uníronse Xosé Benito Juncal e Nicanor Rey. Como secretario de redacción figuraba Celestino Núñez. Nunha segunda etapa (4.11.1866), deixa a un lado o seu ton festivo para tornarse nunha publicación seria, mantendo esa condición ata o 1.8.1867. A partir desta data levou como subtítulo “Periódico semanal de intereses generales”. Malia á súa popularidade en certos medios, o xornal cesou definitivamente pouco antes de comezar o período revolucionario, sacando en total 118 exemplares. O seu derradeiro número saíu o 1.8.1868. Nesta segunda etapa publicou unha revista de carácter festivo titulada El Aguinaldo para agasallar os abonados. O seu primeiro número (e posiblemente o único) saíu na noiteboa de 1867. Analizándoo na súa totalidade, El Buscapié era unha publicación que encabezaba con noticias estranxeiras xerais e de Galicia, seguía con revista da prensa galega e continuaba con editoriais e producións literarias en prosa. Na sección seria e de fondo foi, segundo Soto Freire, onde demostrou a súa calidade literaria. Barreiro colocou o semanario na órbita intelectual dos xornais máis cultos do momento. Ademais das seccións anteriormente citadas ofrecía “Variedades”, “Crónica local”, “Gacetillas”, “Charadas”, partes telegráficos locais, movementos de buques, “Anuncios” e “Folletín”. Tratou temas tan importantes no seu momento como a industrialización de Galicia ou a reforma do sistema agrario. Como bo xornal satírico tivo discusións con outras publicacións da época, sobre todo co científico-literario pontevedrés El Progreso, co que compartía curiosamente redactores. Tamén polemizou co semanario La Revista da mesma cidade. En ocasións, cando era censurado, deixaba espacios baleiros en sinal de protesta.

Palabras veciñas

buscalume | buscantar | buscapersoas | Buscapié, El | buscapolos | buscar | buscar