Busto
-
[ONOM]
Apelido de orixe toponímica que remite ao latín bustu ‘sepultura ou lugar onde se queimaban os cadáveres’, voz que en galego adquiriu o significado de ‘lugar con pasto para o gando’. Documéntase no s XV: “Gregorio de Busto” (doc ano 1474 en E. Rivas Quintas Onomástica persoal do noroeste hispano, p 532). Actualmente existe tamén o apelido Bustelo, que ten a súa orixe nos topónimos do mesmo nome e que se trata dun diminutivo de busto.
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe de orixe castelá procedente da ilustre casa de Lara, señores da fortaleza de Bustos (La Rioja). A esta caste pertencen os Infantes de Lara, netos do Rei Ramiro II de León e descendentes do conde Fernán González. Estendéronse por toda a Península e pasaron tamén a México. As súas armas levan escudo partido: primeira partición, en campo de azul, cunha aguia de ouro voante; segunda partición, en campo de ouro, cunha aguia de azul voante; o lema reza: “Si no soy toda de oro en lo azul tengo el tesoro”.