Cabaleiros, dolmen de
Cabaleiros, dolmen de
Situado na parroquia de Cabaleiros (Tordoia), popularmente se coñece co nome de Pedra Moura. Conserva parte da mámoa e ten planta poligonal, formada por sete chantas, todas elas imbricadas, e a tampa. A cámara ten unhas dimensións aproximadas de 3,10 m no eixe N-S e 2,70 m no L-O; así mesmo a súa altura é de 1,70 m. A tampa, sostida por seis chantas, está fracturada; as súas dimensións son 4 x 3,40 m e ten un grosor considerable. Non se teñen noticias de achados no seu interior e non foi escavada polo de agora. Pola forma e magnitude desta mámoa pertence ao Megalitismo de apoxeo.