cabalería

cabalería

(< cabaleiro)

  1. s f

    Animal que se utiliza para montar ou para carga.

    Ex: O cabalo é unha das mellores cabalerías. O burro tamén se pode empregar como cabalería.

    Sinónimos: cabalgadura. Confrontacións: besta.
    1. s f [HIST]

      Institución militar que constituía unha das divisións (ordo militiae) da sociedade medieval europea, integrada orixinariamente polos guerreiros que combatían a cabalo e defendían as terras cristiás fronte ás invasións de bárbaros e musulmáns, dende o s VIII, constituíndo un grupo heteroxéneo de xinetes adestrados armados pesadamente e carentes de ideais elevados. Foi a Igrexa a encargada de proporcionarlles uns ideais que permitisen canalizar a súa forza, empregando cerimonias e fórmulas inspiradas en diferentes sacramentos ata constituír un ritual polo que se accedía á cabalería. Orixinariamente estaba aberta a todos os homes libres cristiáns dispostos a loitar en defensa da Igrexa, do seu señor e da xustiza. Supúñase que o aspirante a cabaleiro, un soldado que destacase pola súa valentía e fidelidade ou un membro do grupo de fideles dalgún gran señor, dispuña dos medios suficientes para mercar e manter o cabalo e mais o armamento. Ata o s XII o neófito podía ser armado cabaleiro polo rei ou por un señor que xa fose cabaleiro, mediante unha cerimonia que consistía principalmente en cinxirlle a espada, previamente bendita por un sacerdote, e darlle un golpe na caluga coa palma da man, denominada pescozada nas Partidas de Afonso X. Na época clásica da cabalería, nos ss XII e XIII, esta cerimonia resultaba moi custosa, pois entregábanselle as armas e os vestidos que puidesen precisar, xunto co cabalo. Ser armado cabaleiro foi, ata principios do s XII, un dos medios posibles para acceder á nobreza, aínda que axiña se converteu nun filtro social nas mans dos nobres, que reservaron o acceso á cabalería aos seus fillos. Federico I Barbarrubia, a finais do s XII, excluíu da cabalería os fillos dos clérigos e dos campesiños, en definitiva a calquera que non posuíse sangue nobre. Dende a metade do s XIII, a cabalería estaba composta maioritariamente por descendentes de familias nobres e converteuse nunha corporación pechada. Neste contexto apareceron as ordes de cabalería, institucións militares ou relixioso-militares creadas a comezos do s XII pola Igrexa e apoiadas polos monarcas occidentais e os grandes señores, nas que convivían os ideais de ascese eclesiástica (castidade, pobreza e obediencia) xunto co ideal cabaleiresco da defensa dos peregrinos cristiáns e dos Santos Lugares en Oriente. A máis vella destas ordes foi a dos Hospitalarios de san Xoán de Xerusalén, creada posiblemente antes do 1055. A orde dos Pobres Cabaleiros de Cristo, denominados posteriormente do Temple, foi fundada por Hugo de Payns no 1118 e recibiu o recoñecemento oficial da Igrexa no Concilio de Troyes no 1129, adoptando como regra propia a normativa redactada por san Bernaldo de Claraval e confirmada polo Concilio. No s XII apareceu unha terceira orde, a dos Irmáns da Casa do Hospital dos Alemáns da Virxe de Xerusalén, refundada no 1198 co nome de Cabaleiros Teutónicos, que se dedicou á conquista e cristianización das tribos establecidas na Europa Oriental. A aprendizaxe do cabaleiro estruturouse co tempo nunha serie de etapas que cursaba a carón doutro cabaleiro ou nunha das diversas cortes. Exercía sucesivamente as funcións de paxe ou camareiro de corte, logo ocupábase do coidado das monturas como palafreneiro, e despois como escudeiro acompañaba e asistía ao cabaleiro nos combates. A Igrexa converteu o acto de armar cabaleiro nun ritual relixioso, adquirindo as armas un sentido simbólico. A cabalería nunca posuíu un código escrito, senón un conxunto de regras e deberes aos que os cabaleiros se adherían mediante un xuramento. O ideal cabaleiresco apareceu en distintas obras de tratadistas medievais como o Libro da orde de cabalería, de Ramon Llull ou a Segunda Partida de Afonso X de Castela. Comprendía unha serie de obrigas das que destacan a defensa dos febles, do señor e da relixión. O cabaleiro debería destacar tamén polas súas virtudes persoais: valor, honor, cortesía, dignidade e galantería. Con frecuencia, e fronte ao que defendían os tratados máis ou menos ideais, dedicábanse a resolver conflitos persoais recorrendo ás batallas ou empregando o mecanismo do desafío co posterior duelo, para resolver ofensas e litixios civís. Os xuristas regulamentaron este procedemento, atendendo á vella lexislación sobre a guerra privada e baseándose no xuízo de Deus. A persistencia do ideal cabaleiresco foi unha constante durante a Idade Media grazas á literatura épica, dende os cantares de xesta pasando polas novelas do ciclo artúrico, ata os libros de cabalerías dedicados a heroes puros. Nelas represéntanse os ideais que sosteñen o cabaleiro: o servizo a Deus e ao señor na loita contra o infiel, o servizo ao monarca na defensa do reino, e a glorificación da nobreza, do guerreiro e a exaltación do combate.

    2. novelas de cabalerías [LIT]

      novelas cabaleirescas.

  2. s f
    1. Preeminencia da que goza un cabaleiro.

    2. Prácticas ou accións dos cabaleiros.

      Ex: A cabalería non está nos cabalos nin nas armas, senón no cabaleiro.

    3. Exercicio ou acto de destreza propio dun cabaleiro para dirixir os cabalos, manexar as armas e demais exercicios de cabaleiro.

      Ex: O príncipe fai cabalerías xentís co seu cabalo pola chaira.

  3. s f

    Conxunto de dependentes que coidan unha cabalería.

  4. s f [BÉL]
    1. Arma ou parte do exército integrada por soldados a cabalo. As súas propiedades características eran a mobilidade e a violencia do seu choque, debidas á forza e á velocidade do cabalo. O armamento principal era a lanza e o sabre, e posteriormente as armas de fogo. Tacticamente, usábase independentemente ou en cooperación con outras armas. Na antigüidade clasificábase en: pesados (coiraceiros, carabineiros), lixeiros (húsares, cosacos, cazadores) e de liña (lanceiros, dragóns, ulanos). Nos exércitos modernos a cabalería tradicional foi substituída pola cabalería acoirazada, na que se empregan equipos mecanizados, tales como carros blindados e helicópteros. Posiblemente a primeira cabalería regular, constituída por tropas a cabalo adestradas, foi creada polo Faraón Ramsés II. O emprego da cabalería como unha arma estableceuse en Europa a partir do modelo de Filipo de Macedonia. Os romanos usaron esta arma xa desde os tempos de Escipión o Africano e, a partir das invasións bárbaras, pasou a ser a arma principal, papel que continuou mantendo durante a Idade Media. Na Europa occidental o desenvolvemento da cabalería estivo condicionada polo sistema feudal. O invento e mellora das armas defensivas, da pólvora e dos proxectís, fixo que se convertese nunha forza auxiliar dentro dos exércitos da época moderna, a pesar de dotala de armas de fogo, o que provocou a desaparición da cabalería pesada. Os corpos de cabalería organizados por Gustavo Adolfo de Suecia durante a Guerra dos Trinta Anos (1618-1648) e por Federico II de Prusia (1740-1786) tiveron unha grande efectividade, dándolle ao corpo unha rapidez de movementos e unha forza de choque máximas. O aumento da potencia nas armas de fogo, especialmente a aparición do rifle de repetición na segunda metade do s XIX, converteuna en presa fácil da infantería dotada de armas automáticas. A Guerra Civil americana (1861-1865) e a Guerra Bóer (1899-1902) foron as últimas participacións relevantes da cabalería. Entre a Primeira e a Segunda Guerra Mundial  substituíse por vehículos motorizados e blindados.

    2. Parte do corpo ou da arma de cabalería.