cabeceira

cabeceira

(

  1. s f

    Parte superior da cama que se corresponde coa colocación da cabeza e da almofada.

    Ex: A cabeceira da cama era de forxa.

    Sinónimos: cabezal.
  2. s f

    Saco de tea ou coiro de forma rectangular cheo de la, espuma ou outros materiais sobre o que se apoia a cabeza, os pés ou outras partes do corpo.

    Ex: Tiña unha cabeceira para apoiar os pés e outra para a cabeza.

    Sinónimos: almofada, cabeceiro, cabezal.
  3. s f

    Lugar destacado onde se coloca o máis importante.

    Ex: A cabeceira da mesa está reservada para a presidenta.

  4. s f [AGR]

    Extremo superior dunha leira situado na parte máis alta.

    Ex: Abriron o rego na cabeceira do campo.

  5. s f [ADM]

    Núcleo de poboación onde se localizan as delegacións das administracións e servicios públicos para un territorio determinado.

  6. s f [ARQUIT]

    Parte dunha igrexa que se estende desde o extremo posterior, con ou sen ábsida, ata a colocación normal do cruceiro; xeralmente está centrada no altar maior.

  7. s f
    1. [ESCR]

      Nota preliminar coa que se encabeza un escrito.

      Ex: Nas cartas a data ponse na cabeceira.

      Sinónimos: cabeza, encabezamento.
    2. [ESCR]

      Nome ou título dunha persoa, corporación, entidade, empresa comercial, etc, xeralmente acompañado do enderezo e doutras indicacións, impreso na parte superior dun documento.

      Ex: Na cabeceira do escrito figuraban todos os datos da empresa.

    3. [ESCR]

      Ornamento que se pon ao comezo dunha páxina, dun capítulo, etc.

    4. [COMUN]

      Espacio da portada do xornal ou revista onde se recolle o seu propio nome, o subtítulo, a data, o director e outros datos de importancia.

      Ex: Na cabeceira do xornal están as noticias máis importantes.

  8. s f [ETN]

    Cada unha das partes frontais do hórreo.

    Ex: Na cabeceira do canastro pódense colocar as portas.

    Sinónimos: fondal.
  9. s f [INFORM]

    Datos que aparecen en calquera paquete informativo antes do contido que se quere transmitir. Contén habitualmente enderezos aos que se envía, o remitente, dereitos de uso e outros.

  10. s f [PESCA]

    Arte de pesca que se usa no río Miño para pescar a lamprea e o salmón.

  11. s f [XEOG]

    Sector máis elevado dunha conca dun val fluvial ou dun glaciar.

  12. s f [XEOL]

    Punto onde se inicia a explotación dun filón.

  13. cabeceira de góndola [COMUN]

    Lugar situado estratexicamente nun punto de venda para a exposición de produtos. Soen aproveitarse os extremos dos estantes onde os artigos chaman máis a atención do consumidor.

Palabras veciñas

Cabe | Cabe, El | cabecear | cabeceira | cabeceiro | cabeceo | cabeco