cabo

cabo

(

  1. Monte da parroquia de Verducido, concello da Lama. O seu cumio atópase a 472 m de altitude.

  2. s m

    Parte do final dun espacio, dun período de tempo ou dunha cousa.

    Ex: A vide comeza no outro cabo da veiga. Non pouses o prato no cabo da mesa porque pode caer. Non conseguín durmir ata o cabo da noite.

    Confrontacións: fin, fin.
  3. s m

    Parte dun aparello ou dun instrumento que serve para agarrar coas mans.

    Ex: Ten coidado coa fouce porque ten o cabo roto.

  4. s m

    Remate ou parte que queda cando algunha cousa está a piques de extinguirse.

    Ex: Non movas o cabo da candea porque se pode apagar.

  5. [MAR]
    1. s m

      Calquera corda ou aramio, especialmente o usado a bordo dos barcos, que se emprega como útil de traballo ou para amarrar un barco ou unha rede. Os cabos facíanse con fibras vexetais, sobre todo cánabo; actualmente os máis empregados son os de fibras sintéticas.

      Ex: Busca un cabo para pacer un fardo coa vela rota.

    2. cabo da áncora

      Corda que une a áncora coa embarcación, e que se emprega en lugar da cadea ou cando esta teña que ser substituída accidentalmente.

    3. cabo da boia

      Corda que arría un barco no peirao.

    4. cabo de popa

      Corda situada na popa dunha embarcación destinada a amarrar.

    5. cabo de proa

      Corda situada na proa dunha embarcación destinada a amarrar.

  6. s m [XEOG]

    Punta de terra que sobresae do resto da costa e que penetra no mar.

  7. s m [AGR]

    Derradeira sachadura que recibe o millo no mes de xullo.

  8. [BÉL]
    1. s m

      Grao militar, inmediatamente superior ao de soldado, que ten o mando da escuadra ou dunha pequena unidade.

    2. cabo primeiro

      O que ocupa o grao intermedio entre cabo e sarxento.

  9. s m [ANIMAL/ICT]

    Anguía, de gran tamaño, próxima a abandonar o río, camiño do Mar dos Sargazos.

  10. s m [TÉXT]

    Fío delgado que, trenzado con outros, forma o fío de algodón, de la, de esparto ou doutro material, dun nobelo, dunha madeixa, dunha corda, etc.

Frases feitas

  • Á fin e ao cabo/ó fin e ao cabo. Expresión que indica un argumento que enfatiza ou que reforza unha afirmación anterior.

  • Atar cabos. Relacionar diferentes datos de xeito que se chegue a aclarar ou descubrir algunha cousa.

  • Atopar o cabo do fío. Encontrar o núcleo ou a parte máis importante dun asunto.

  • Cabo da casa. Cabeza de familia.

  • Cabo de loc prep Xunto a, a carón de, ao pé de. Ex: A pelota está cabo del e non se dá conta.

  • Dar cabo a unha cousa. Finalizar unha cousa.

  • Dar unha persoa cabo de alguén ou algunha cousa. Acabar con algúen ou con algunha cousa.

  • De cabo a rabo. Desde o principio ata o final.

  • Estar unha persoa no cabo do conto. Coñecer ben algún asunto.

  • Levar a cabo. Realizar unha actividade.

  • Non ter cabo. Non ter fin.

  • Ó cabo de loc prep Despois dun período de tempo que se indica. Ex: Ó cabo de varios anos volveu da Arxentina.

  • Ó cabo e á conta. Como resumo, xeralmente con connotacións negativas.

Palabras veciñas

cablegrafar | cablegrama | cableiro | cabo | Cabo | cabo | Cabo