cadi
(< ár qādī ‘xuíz’)
Xuíz que exerce as súas funcións nos países musulmáns. Aínda que ten competencia, segundo o dereito islámico, sobre todos os procesos xudiciais, actualmente esta se reduce a temas relacionados coa relixión, tales como o dereito familiar e sucesorio, seguindo o dereito alcoránico; ten tamén as funcións de velar polas fundacións pías ou sinalar o inicio e o final do ramadán (o mes do xaxún). O exercicio deste cargo foi instituído polo Califa Omar, desde entón o gobernador é quen o nomea. Para ser cadi hai que cumprir unha serie de condicións: ser varón (aínda que a escola hanefita admite tamén mulleres), ser musulmán e libre, e reunir certas garantías como as de non dedicarse ao comercio. A sentenza deste xuíz, que hoxe é escrita aínda que nos primeiros tempos era oral, é definitiva e inapelable. O cadi supremo ou qā ḋ ī al-qudā, está por enriba de todos os cadis e vive na capital; en Al-Andalus recibiu o nome de qā ḋ ī al-gawnad e despois o de qā ḋ ī al- ǧ amā’a.