caer

caer

(< lat cadĕre ‘caer’)

  1. v i
    1. Moverse unha cousa cunha traxectoria de arriba a abaixo a causa do seu propio peso.

      Ex: O papaventos caeu ó chan cando deixou de haber vento.

    2. Ir bater unha persoa ou cousa no chan ou noutra superficie que o deteña a causa dunha perda de equilibrio. OBS: A construción sintáctica formada polo verbo caer mais a preposición de mais un substantivo referido a unha parte do corpo (fociños, costas, cu, etc) significa ‘bater esa parte que se nomea contra unha superficie firme’.

      Ex: Rompeu a cadeira cando caeu. Caeu porque non atou ben os amallós. O floreiro caeu ó chan e rompeu.

    3. Separarse algunha cousa daquilo ao que estaba adherida ou suxeita.

      Ex: Comezaron a caer peras da pereira. Xa lle caeu o seu primeiro dente.

    4. Ceder á acción da gravidade un obxecto suspendido sen desprenderse nin chegar ao chan.

      Ex: Mantede os brazos facendo un ángulo recto e despois deixádeos caer.

  2. v i
    1. Coincidir un acontecemento cun período de tempo.

      Ex: Este ano a Pascua despois de San Xosé.

      Sinónimos: cadrar.
    2. Coincidir un día do mes cun día da semana. OBS: Con este significado sempre vai seguido da preposición en.

      Ex: O último día do mes cae en sábado.

      Sinónimos: cadrar.
  3. v i

    Ter algunha cousa un resultado ou unha consecuencia dunha forma determinada. OBS: Emprégase frecuentemente cos adverbios ben e mal.

    Ex: Non lle caeu ben que lle berrases tanto. Caeulle mal que llo dixeses. Non sei cómo lles caerá a negativa.

    Sinónimos: sentar.
  4. v i
    1. Diminuír de súpeto a intensidade dun fenómeno ou unha actividade.

      Ex: Caeu o vento e os mariñeiros puideron saír ó mar.

    2. Baixar o valor ou o prezo dunha cousa de maneira repentina e considerable.

      Ex: A semana pasada o euro caeu en todos os mercados fronte ó dólar.

  5. v i
    1. Estar situada algunha cousa no lugar que se indica.

      Ex: Os novos xulgados caen pola outra banda da vila.

      Sinónimos: quedar.
    2. Quedar algunha cousa dentro ou fóra duns límites establecidos.

      Ex: O sur da provincia cae noutra diocese.

  6. v i

    Ir dar alguén a un lugar que non se esperaba ou onde non se lle esperaba.

    Ex: Seguimos polo camiño e caemos na estrada. Non vin adrede, caín aquí casualmente.

  7. v i

    Pasar unha persoa a unha situación ou estado negativo con respecto a outro anterior.

    Ex: Desde que se xubilou caeu en desgracia. Os avós están ben, aínda que hai un mes caeron enfermos. Antes íalles moi ben, pero hai pouco caeron economicamente.

  8. v i

    Quedar sen vida alguén nun enfrontamento violento.

    Ex: O seu avó caeu mentres loitaba na Guerra Civil.

    Sinónimos: morrer, perecer.
  9. v i

    Deixar de existir calquera tipo de goberno ou dominio.

    Ex: Numerosas revoltas provocaron que caese a monarquía. O anterior presidente da compañía caeu cando se descubriu que era corrupto.

  10. v i

    Topar algo ou alguén con algunha cousa preparada en contra.

    Ex: O árbitro caeu no engano do xogador e asubiou un penalti. Levo máis dunha hora pescando e aínda non caeu ningún peixe.

  11. v i

    Incorrer nalgunha actividade ou acto maligno. OBS: Con este significado vai seguido da preposición en.

    Ex: Levaba moito tempo sen xogar, pero volveu caer na ludopatía.

    1. v i

      Realizar a acción de determinados fenómenos meteorolóxicos.

      Ex: Este ano é posible que caia neve á beira do mar. Como caeu esta mañá, púxenme pingando!

    2. caer farrapos

      Nevar.

    3. caer pedra/pedrazo

      Saraibar.

  12. v i

    Ser ou non unha persoa agradable para outra. OBS: Emprégase cos adverbios ben ou mal ou con locucións adverbiais semellantes.

    Ex: Os teus amigos cáenme moi ben. Non quero estar con Ana porque me cae mal.

  13. v i

    Achar a solución de algo que non se coñece ou lembrar algunha cousa nun momento determinado.

    Ex: Ó saír do exame foi cando caín en cál era a resposta correcta. Explicáchesmo de moitas formas, pero aínda non caio.

  14. v i

    Estar cerca do seu final algún período cronolóxico.

    Ex: Non sei qué hora era, pero estaba caendo o día.

    Sinónimos: declinar.
  15. v i

    Levar unha peza de roupa máis abaixo do que lle corresponde.

    Ex: Sempre anda coa chaqueta a caerlle dos ombros.

  16. v i

    Non poder sosterse ou estar a punto de ceder ante algunha cousa.

    Ex: Estou tan cansado que caio de sono.

  17. v i [COMUN]

    Suspender un programa de televisión ou espacio publicitario previsto no guión de emisión que non chega a ser finalmente difundido.

  18. v i [MAR]
    1. olver a proa cara a sotavento ao levar a áncora.

    2. Desviarse un barco do seu rumbo cara a unha banda ou cara a outra.

      Sinónimos: virar.
    3. Entrar un barco por primeira vez na auga.

Frases feitas

  • Aínda non lle caeu a casca do cu. Aplícase a unha persoa inmadura.

  • As soberbias non caen nos toxos. Aplícase cando alguén se ri das desgracias dos demais.

  • Caer a alma aos pés. Desilusionarse ou decepcionarse.

  • Caer amprón. Caer co corpo estendido.

  • Caer area. Saraibar.

  • Caer ás baloucadas/ós rebolos/a voltas. Caer xirando sobre o propio corpo.

  • Caer auga a caldeirados/ trebón/xerros. Chover moito.

  • Caer auga a fío. Chover sen parar.

  • Caer auga en fío. Pingar con intensidade.

  • Caer charamiscas. Neviscar.

  • Caer como un bazuncho. Caer cara a adiante con todo o peso do corpo.

  • Caer cotillóns. Golpear.

  • Caer da burra/do burro/na conta. Comprender ou decatarse de algo.

  • Caer de bátegas. Caer batendo coa cara no chan.

  • Caer de capitón. Caer de cabeza.

  • Caer de chope. Caer tendido de xeito violento.

  • Caer dun niño. Ser moi inocente ou inexperto.

  • Caer en si. Decatarse dun erro.

  • Caer enfermo/na cama. Contraer unha doenza.

  • Caer na cova. Recibir sepultura.

  • Caer na man dun. Someterse á vontade dalgunha persoa.

  • Caer na trapela. Casar.

  • Caer no garamelo/no ichó. Caer na trampa.

  • Caer no lazo. Deixarse enganar ou caer nunha trampa.

  • Caer no renuncio. Incorrer no contrario do que se dixo en público.

  • Caer o corazón. Quedar sen ánimo.

  • Caer o paxaro morto. Ir moita calor.

  • Caer polo seu propio peso. Ser evidente algunha cousa.

  • Caer redondo. Caer repentinamente ao chan sen sentido ou morto.

  • Caer sobre algo ou alguén. Abalanzarse.

  • Caer unha faiscada de molla parvos. Poallar.

  • Caer unha sombra sobre alguén. Andar pasmado.

  • Caer unha zarapilda/zarracina de auga. Chover con moita intensidade ou caer treboada.

  • Caer/estar rendido. Estar moi canso.

  • Caer/quedar en estado. Quedar embarazada.

  • Caerlle a baba. Sentir cariño por alguén ou estar orgulloso del.

  • Caerlle a cabeza ao trigo. Emprégase cando alguén ten présa por facer algunha cousa sen importancia.

  • Caerlle a casa enriba a alguén. Gustarlle a alguén máis estar fóra da casa ca na casa.

  • Caerlle a facha a alguén. Estar en perigo de morte.

  • Caerlle atravesado a alguén. Non gustarlle a alguén ou serlle antipático.

  • Caerlle o pelo a alguén. Recibir unha reprimenda ou golpes.

  • Caerlle os dentes a alguén. Ter envexa.

  • Caerlle os ollos a alguén por algunha cousa. Desexar moito algunha cousa.

  • Caeu como a pedra nun pozo. Esquecerse rapidamente dun tema que dera moito que falar.

  • Caeume o forno. Deu a luz a miña muller.

  • Caia pan e veñan días! Que traballen os demais.

  • Cáianlle os ollos entrámbolos ollos! Expresión para desexarlle mal a alguén.

  • Deixar caer. Insinuar algunha cousa.

  • Estar a/ó caer. Estar algunha cousa a punto de acontecer.

Formas incorrectas

caír

Palabras veciñas

Caeiro, Manuel frei | Caeiros | Caen | caer | Caerdydd | Caere | Caernarfon
Conxugar
VERBO caer
Forma verbal: Infinitivo

Indicativo

Presente Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
caio
caes
cae
caemos
caedes
caen
Pretérito imperfecto Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
caía
caías
caía
caïamos
caïades
caían
Pretérito perfecto Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
caín
caíches
caeu
caemos
caestes
caeron
Pretérito pluscuamperfecto Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
caera
caeras
caera
caeramos
caerades
caeran
Futuro Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
caerei
caerás
caerá
caeremos
caeredes
caerán
Condicional Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
caería
caerías
caería
caeriamos
caeriades
caerían

Subxuntivo

Presente Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
caia
caias
caia
caiamos
caiades
caian
Imperfecto Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
caese
caeses
caese
caesemos
caesedes
caesen
Futuro Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
caer
caeres
caer
caermos
caerdes
caeren

Imperativo

Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
-
cae
-
-
caede
-

Formas nominais

Infinitivo conxugado Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
caer
caeres
caer
caermos
caerdes
caeren
Xerundio caendo
Participio caído
caída
caídos
caídas