Caixa de Aforros de Galicia ou Caixa Galicia
Entidade financeira constituída na Coruña o 3 de abril de 1978 trala fusión da Caja de Ahorros y Monte de Piedad de La Coruña y Lugo (1896) e da Caja General de Ahorros y Monte de Piedad de Ferrol (1902), culminando un proceso pioneiro en España. A partir desa data incorporáronse novas entidades financeiras: en 1980 a Caja de Ahorros y Monte de Piedad de Santiago de Compostela (1879), en 1982 a Caja de Ahorros Provincial de Lugo (1964), en 1986 as caixas rurais da Coruña (1979) e Pontevedra (1968), en 1988 a Caja Rural de Orense (1961) e en 1992 a Caja Rural de León (1968). Dende 1978 dirixiuna José Luis Méndez López. En 1980 iniciou un proceso de expansión, ás veces a través da compra de oficinas bancarias doutras entidades (Banco de Fomento, Banco Urquijo e BNP Paribas), que a levou a ter presenza en todas as comunidades autónomas españolas, fundamentalmente en Madrid, nas comunidades mediterráneas e no Bierzo, así como en Portugal e noutros puntos de Europa e América. No 2000 posuía 644 oficinas operativas, tiña un volume de negocio que se aproximaba aos 3,4 billóns de pesetas e o beneficio acadado no exercicio de 1999 foi de 29.279 millóns de pesetas, unha das cifras máis elevadas entre as caixas españolas. Ademais dos servicios da banca tradicional, desenvolveu novas canles para captar negocio, tanto na banca telefónica (Caixa Directa) e electrónica (Caixa Gestión) como a través de Internet (multicanal.caixagalicia.com), e ampliou a súa rede de axentes. No 2000 participaba ao 100% na Corporación Financiera de Galicia, constituída en 1987, que agrupa as súas participacións industriais, así como a adquisición e xestión de accións e participacións e a prestación de servicios de asesoramento e asistencia técnica en materias económicas, financeiras, empresariais e legais. Así, a través da Corporación Financiera de Galicia, Caixa Galicia participou en empresas clave no tecido industrial galego como Unión Fenosa, Pescanova, Zeltia ou Intelsis. No sector financeiro interveu en Ahorro Corporación, Caser (seguros), Lico (operacións de leasing) e no Banco Pastor. Outras empresas pertencentes ao grupo económico foron Deteinsa (inmobiliaria), Ciberviaxes (ocio e turismo) ou Inesga (investimentos). A obra social de Caixa Galicia estivo presente dende a súa orixe en actividades a prol da cultura, a educación, o deporte e o ocio, recibindo un notable impulso dende 1989, cando se creou a Fundación Caixa Galicia. Caixa Galicia desenvolve un gran labor en favor da cultura a través da súa rede de Aulas de Cultura e da súa actividade editorial, fomentando a actividade investigadora mediante bolsas e premios á investigación e colaborando coas universidades galegas e diversas academias, museos e asociacións. O seu compromiso coa lingua galega concretouse na década dos oitenta cando comezou a galeguizar os impresos de uso interno e público. Algunhas das súas obras máis salientables no ámbito cultural son a Biblioteca Nova 33, onde se desenvolveron numerosas actividades de animación á lectura, o Premio Esquío de Poesía, convocado xunto coa Sociedade Cultural Valle-Inclán de Ferrol dende 1981, e o Premio Ánxel Fole, convocado ao mesmo tempo polo xornal El Progreso de Lugo dende 1987. Membro do Fondo de Garantía de Depósitos das Caixas de Aforro, da Federación de Caixas de Aforro de Galicia, da Confederación Española de Caixas de Aforro, do Instituto Internacional de Caixas de Aforro e da Agrupación de Caixas de Aforro da Comunidade Económica Europea.