Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra ou Caixanova

Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra ou Caixanova

Entidade financeira constituída en Vigo o 17 de xullo do 2000 trala fusión da Caja de Ahorros y Monte de Piedad Municipal de Vigo (1880), da Caja de Ahorros Provincial de Orense (1933) e da Caja de Ahorros Provincial de Pontevedra (1930). Ademais, forma parte da entidade o Banco Gallego (1988), que pertencía ao grupo de Caixavigo dende 1997. Con anterioridade, a Caja de Ahorros y Monte de Piedad Municipal de Vigo e a Caja de Ahorros Provincial de Orense asinaran en 1999 unha escritura de fusión. Dirixida por Julio Fernández Gayoso, quen dende 1965 era director xeral de Caixavigo. Durante o proceso de integración copresidiron a entidade Ramón Cornejo Molíns, procedente de Caixavigo; Manuel Bermúdez Castro, de Caixa Ourense; e Manuel Campos Vilariño, de Caixa Pontevedra. Está presente en todo o territorio galego, así como no Bierzo, Madrid, Lisboa, Porto, Xenebra, Caracas e México D F. No 2000 posuía unha rede de máis de seiscentas oficinas operativas, tiña un volume de negocio de 3 billóns de pesetas e uns beneficios previstos de 20.000 millóns de pesetas. Ademais das tradicionais canles de captación de negocio, Caixanova estableceu servicios de caixa electrónica e banca telefónica, coa implantación do programa de asesoramento a empresas SAE-CAIXATEL, e ofreceu tamén servicios a través de Internet. Ao longo da súa historia as tres caixas caracterizáronse por un compromiso co desenvolvemento da economía galega. Dentro dos múltiples proxectos nos que participaron cómpre salientar a creación da Sociedade para o Desenvolvemento Industrial de Galicia (SODIGA), a financiación de parte do custo da Autopista do Atlántico ou a concesión de créditos a pequenas e medianas empresas, así como unha decidida implicación na axuda ao sector pesqueiro e á construción. Coa aparición das novas tecnoloxías, comezou a participar en empresas galegas ou asentadas en Galicia pertencentes a diversos sectores económicos, diversificando a súa actividade tradicional. É destacable a súa presenza no sector das telecomunicacións a través de R, AUNA, Índice Multimedia e Retevisión Móvil (AMENA); da comunicación, Quiero TV; e das infraestruturas, Autopista Central Gallega, Cidade Universitaria, Siresa Noroeste e Siresa Europa; ademais, participou en Pescanova (alimentación), Adolfo Domínguez (téxtil), Vigo Activo (financeira), Inversiones Ahorro 2000 (sociedade de carteira), Sogevinus (adegas), Grupo IT Deusto (sistemas de información) e PRIMUS (axencia de desenvolvemento). Así mesmo, actuou nos mercados nacionais e internacionais, sobre todo potenciando a súa actividade no colectivo de emigrantes. O apoio das tres entidades financeiras ao galeguismo histórico data dos anos sesenta, cando Caixavigo axudou economicamente, sobre todo a través da compra de amplas tiraxes para repartir entre os clientes no Día das Letras Galegas, a diversas editoriais galegas como Edicións Castrelos ou Galaxia. O seu compromiso coa lingua galega concretouse a comezos da década dos noventa, cando comezou a galeguizar os impresos de uso interno e público. Ademais, fomentou a actividade investigadora mediante bolsas e premios á investigación, colaborando coas universidades galegas e diversas academias, museos e asociacións. Entre a súa ampla obra sociocultural, cómpre salientar o Colexio Fogar de Vigo (1948), o Colexio Universitario de Vigo (1975), xermolo da Universidade de Vigo, o Centro Cultural Caixanova de Vigo, a Escola de Negocios, pioneira en Galicia na formación de directivos, a Aula de Cultura de Ourense, a Residencia de Estudiantes de Pontevedra e a participación na Cidade Universitaria S A, proxecto que acometerá a remodelación do campus das Lagoas-Marcosende da Universidade de Vigo. Membro do Fondo de Garantía de Depósitos das Caixas de Aforro, da Federación de Caixas de Aforro de Galicia, da Confederación Española de Caixas de Aforro, do Instituto Internacional de Caixas de Aforro e da Agrupación de Caixas de Aforro da Comunidade Económica Europea.