caladoiro
(< 2 calar)
Lugar onde a actividade pesqueira se considera produtiva, como mínimo nunha determinada época do ano. Pódese referir a grandes extensións ou a pequenas áreas costeiras onde se pode capturar algunha especie de interese durante algún momento do seu ciclo vital. Os límites dun caladoiro poden ser de tipo físico (canóns submarinos), legal ou simplemente cultural. En moitos casos, estes límites son tamén os das unidades políticas de xestión; por exemplo, os caladoiros da NAFO son aqueles da costa oriental norteamericana baixo xurisdición desa comisión internacional. No caso das especies migratorias como o atún, o termo caladoiro emprégase para designar as distintas áreas e momentos nos que se captura a especie. Por exemplo, o atún vermello péscase en distintos momentos da súa migración por flotas de distintos países nos seus movementos no golfo de Bizkaia e no Mediterráneo occidental. Así, un único stock pode ser pescado en distintos caladoiros, con distintas artes, por distintas flotas e baixo distintas regulamentacións. Os caladoiros da costa galega son relativamente ricos, a pesar de ter reducida a extensión da plataforma continental. Isto é debido á existencia de correntes de afloramento ricas en nutrientes e que permiten a existencia de poboacións de peixes relativamente abondosas ao responder ao réxime estuárico, debido á importante achega fluvial e ás abundantes precipitacións, o que lles provoca unha alta produtividade biolóxica. Ademais, a flota galega de altura vén explotando dende hai décadas numerosos caladoiros en augas de todos os mares. Entre eles destacan: o caladoiro do Índico ou de Moçambique e Seychelles, localizado nas costas de Moçambique e das illas Seychelles, onde faenan flotas conxeladoras de arrastre que capturan cefalópodos, crustáceos e pescada e do cerco que captura túnidos; o caladoiro das augas libres do Océano Atlántico, localizado nas augas internacionais á altura das costas dos Açores, Portugal continental e Galicia onde faenan barcos do cerco, que capturan túnidos, e de palangre de superficie, que capturan bonito, marraxo e peixe espada; o caladoiro da NAFO, do Atlántico noroccidental ou de Canadá, ao norte do cabo Hatteras e sur de Grenlandia onde faenan arrastreiros conxeladores que capturan principalmente bacallao, solla, cabra de altura, rato e fletán; o caladoiro sudoccidental ou das Malvinas, localizado dentro das augas territoriais das illas, onde faenan conxeladores de gran tonelaxe, a través de acordos coa Unión Europea, que capturan principalmente pescada, lura e pota; o caladoiro sudoriental ou de Namibia, que constituíu un importante caladoiro para os barcos galegos ata a independencia deste país en 1990, e onde faenan conxeladores que capturan pescada, peixe sapo e pota; o caladoiro de Mauritania, localizado fronte ás costas dese país, onde se captura pescada negra, cefalópodos, atún e crustáceos, grazas aos acordos coa Unión Europea; o caladoiro de Senegal, onde se captura pescada, cefalópodos, atún e crustáceos, grazas a acordos coa Unión Europea; o caladoiro de Angola, localizado fronte ás súas costas, onde se pescan gambas, cefalópodos, camaróns e pescada, grazas a acordos entre Angola e a Unión Europea e a empresas mixtas; o caladoiro canario-sahariano ou de Marrocos, disposto ao longo da costa do Sáhara, onde se capturan cefalópodos, gambas, cigalas, lagostas e pescadas grazas a distintos acordos; o caladoiro do mar de Irminger, localizado nas augas situadas entre o norte de Gran Bretaña e a Península Escandinava, onde se captura fletán grazas a acordos coa Unión Europea; o caladoiro de Islandia, onde se pesca bacallau a través de acordos coa Unión Europea; o caladoiro do Gran Sol, localizado fronte ás costas da Bretaña e ao sur das costas de Irlanda, onde se capturan pescada, meiga, peixe sapo e xurelo, que ten consideración de caladoiro comunitario e onde se faena grazas a acordos coa Unión Europea; o caladoiro do Atlántico sur, localizado fronte ás costas de Namibia, onde se pesca pescada, peixe sapo, rosada e pota, e ao que se ten acceso a través de empresas mixtas; o caladoiro arxentino, localizado fóra das 200 millas da costa arxentina e de 150 das Malvinas, onde se captura pescada a través de acordos coa Unión Europea; o caladoiro de Chile, situado fronte ás costas sudamericanas, onde se captura peixe espada e ao que se ten acceso grazas a empresas mixtas; o caladoiro iraní, onda a Península Arábiga, onde se capturan túnidos; e o caladoiro das illas Kerguelen, localizado nos límites entre o Atlántico e o Índico, preto do continente antártico, no que se captura bacallao.