Calatrava, orde de

Calatrava, orde de

Orde relixiosa e militar que tivo a súa orixe na doazón feita en 1158 por Sancho III de Castela da fortaleza de Calatrava, anteriormente defendida polos templarios, preto de Carrión de Calatrava, en Castela-A Mancha. Entregouna a un grupo de cabaleiros e monxes dirixido polo abade cisterciense de Fitero, Ramón Serrat e Diego de Velázquez, que aceptaron defender a vila contra os almohades. Despois do enfrontamento e tralo asentamento de novos monxes e campesiños, a nova orde organizouse segundo a regra de san Bieito e as constitucións do Císter, que o Papa Alexandre III aprobou en 1164 e que, sucesivamente, confirmaron Gregorio VIII e Inocencio III. Coa morte dos fundadores da orde no 1163, producíronse os primeiros enfrontamentos entre monxes e cabaleiros, para decidir quén os dirixiría no futuro. A elección dun cabaleiro, García, como primeiro mestre supuxo a división da orde en dúas faccións; volveron os monxes á abadía de Fitero e pasaron os cabaleiros a depender da abadía francesa de Morimond en 1187. Perdida Calatrava en 1195 ante os musulmáns, os cabaleiros da orde conquistaron a fortaleza de Salvatierra, onde se estableceron e fundaron o convento e castelo de Santa María la Real de Calatrava la Nueva. A orde participou activamente na reconquista peninsular e destacou no asalto de Cuenca (1177), na Batalla de las Navas de Tolosa (1212) e nas diferentes campañas de Fernando III en Andalucía dende o 1218 ata o 1250, acadando o período de máximo esplendor no s XIII. Como recompensa pola colaboración militar nas diferentes campañas, gozaba dunha serie de dereitos, exencións e privilexios concedidos polos monarcas xunto con numerosas doazóns de particulares como o libre tránsito e pastoreo para o seu gando por toda clase de terras, sen satisfacer ningu-nha peaxe ou tributo. Durante os ss XIV e XV, paralizada a Reconquista, a orde participou activamente nos asuntos públicos dos reinos peninsulares e tomou partido en diversas rebelións, como a de Sancho IV contra o seu pai, o rei castelán Afonso X, ou os enfrontamentos entre Pedro o Cruel de Castela e Pedro o Cerimonioso de Aragón. As loitas no seo da orde e as revoltas contra a autoridade de distintos mestres e do Císter foron unha mostra máis da perda dos ideais orixinais que finalizou, logo de diversos intentos, co control da orde polos monarcas casteláns. A incorporación da mestría á coroa produciuse durante a época dos Reis Católicos, e Fernando conseguiu no ano 1488 o nomeamento de administrador xeral da orde de Calatrava. Isto supuxo o final da historia da orde, perdendo o foro especial do que gozaba converteuse nunha orde militar e nobiliaria. A orde posuíu enormes dominios, especialmente no denominado Campo de Calatrava.

Palabras veciñas

Calatorao | Calatrava i Valls, Santiago | Calatrava, José María | Calatrava, orde de | Calaurea | calaverita | calaza