campanario

campanario

(

  1. s m [ARQUIT]
    1. Torre dun edificio, xeralmente de tipo relixioso, que contén as campás. A súa orixe pódese atopar nas torres defensivas das igrexas paleocristiás, aínda que a función de chamar aos fieis co toque das campás relaciónase tamén cos minaretes musulmáns. As primeiras mostras de campanarios propiamente ditos aparecen en Ravenna no s IX: en San Apollinare Nuovo, en San Apollinare in Classe e en San Francesco, todos de planta circular. Durante o románico existiron diversas tipoloxías que responderon ás peculiaridades rexionais: en Italia e na Península Ibérica desenvolvéronse os campanarios illados de planta circular, como o da catedral de Pisa e o de Santa Coloma de Andorra, e os de planta cadrada, distribuídos en varios pisos con fiestras dobres, ben cun só campanario por igrexa en Luca, Breda ou Taüll, ben con dous campanarios na fachada, como os de Cuixá e Ripoll, tipoloxía que se empregou en Frómista, onde a igrexa de San Martín ten dous campanarios circulares, ou na fachada románica da catedral de Santiago de Compostela. En Normandía dous campanarios flanqueaban a portada e un terceiro situábase no cruceiro, como a de Saint Étienne e a da Trinité, en Caen. A escola xermánica caracterízase por encadrar as súas ábsidas opostas e sinalar os dous transeptos por medio de campanarios, como nas catedrais de Worms e Spira. En Aragón foron frecuentes as torres de estilo mudéxar feitas con ladrillos e azulexos policromados. Co gótico estendéronse os campanarios de planta poligonal, situados xeralmente na fachada e acabados en agulla, como nas catedrais de Burgos, Chartres e Ulm. Depois do Renacemento, os campanarios presentaron elementos da arquitectura clásica, no Barroco foron reinterpretados de novo e presentaron diversas estruturas construtivas e decorativas, especialmente nos países xermánicos como Baviera e Saxonia, e na Península Ibérica dende onde algúns dos seus elementos pasaron a México e Perú. O barroco galego construíu tamén os seus campanarios; na catedral de Santiago de Compostela, Domingo Antonio de Andrade realizou a torre do Reloxo, inspirada na Giralda sevillana. Na renovación das parroquias e mosteiros composteláns tamén se incluíu a construción de campanarios como o do convento de Santa María de Belvís ou o da igrexa de San Fiz de Solovio. O neoclasicismo prescindiu nalgúns templos do campanario, e o romanticismo volveu aos modelos medievais, especialmente ao gótico. O modernismo ofreceu un exemplo orixinal de torre-campanario no templo da Sagrada Familia de Gaudí, proxectado para unhas campás tubulares. Na arquitectura contemporánea, Alvar Aalto e Miguel Fisac continúan proxectando estas construcións. Os campanarios dos edificios civís teñen a finalidade de sinalar as horas.

      Sinónimos: campanil.
    2. campanario de parede

      espadana.

  2. s m [TÉXT]

    Cada un dos pequenos montantes onde van colocadas as poleas que fan subir e baixar as caladas do tear.