campaneiro -ra
(< campá)
-
s
Persoa dedicada á fabricación de campás. Este oficio, que pasaba de pais a fillos, non chegou a formar gremio independente, a pesar de que a fabricación de campás se converteu nunha industria especializada. Malia existiren obradoiros estables, o máis normal é que os campaneiros fosen de lugar en lugar e realizasen o seu traballo nos pequenos fornos que existían nas aldeas. As fundicións con maior importancia mundial foron as de Morez en Francia, a Taylor en Inglaterra, e en Castela, a Díez de Palencia. En Galicia destaca desde o s XVII a familia Ocampo, de Arcos da Condesa, que posuía un taller estable de fundición. Posta en marcha por Felipe Blanco Ocampo no ano 1630, situouse nun primeiro momento en Ameal e foi coñecida como a Casa dos Campaneiros. En 1886 foi Melchor Ocampo o que a estableceu en Arcos da Condesa. Os segredos da fundición herdounos o seu fillo Xoán, que traballou ata a súa morte, en 1954; os fillos deste tomaron o relevo e seguen a manter a única fundición en Galicia que emprega o método artesanal.
Ex: En Arcos da Condesa traballaron os mellores campaneiros de Galicia.
-
s
Persoa encargada de tocar as campás dunha catedral, dunha igrexa, dun convento, etc.
Ex: O campaneiro da catedral toca os sinos ó mediodía.