canario -ria

canario -ria

(< topónimo Canarias)

    1. adx

      Relativo ou pertencente ás Canarias ou aos seus habitantes.

    2. s

      Natural ou habitante das Canarias.

    3. s m [LING]

      Modalidade do castelán falada nas Canarias. A relación que mantiveron as Canarias co continente americano explica moitas características lingüísticas que posúe o canario. Foneticamente, presenta unha grande afinidade co estremeño, co andaluz occidental e co castelán de América: a) aspiración do f- inicial latino (jumo ‘fume’); b) aspiración ou asimilación á consoante inmediata do s implosivo (mojca, mosca); c) seseo (casar ‘cazar’); e d) yeísmo. Morfoloxicamente destacan, entre outros, os seguintes trazos lingüísticos: a) cambios de xénero (el costumbre ‘o costume’); b) plurais dobres (pieses ‘pés’); c) uso de vostedes no canto de vós; e d) leísmo e laísmo. En canto ao léxico existe unha grande heteroxeneidade que se caracteriza por: a) restos do substrato guanche (baifo ‘año’); b) lusismos (legume ‘legume’); c) andalucismos (lasca ‘anaco’); e d) americanismos (guagua ‘autobús’).

    4. baile do canario [ESPECT]

      Danza de ritmo binario, bailada por unha parella de mozo e moza, probablemente orixinaria das Canarias. Fíxose moi popular desde mediados do s XVI en Castela, Francia, Italia e Catalunya, onde se conservan melodías ata o s XIX.

  1. s m [ANIMAL/ORNIT]

    Ave granívora de 14 cm de lonxitude, pico groso, plumaxe con listas, cunha banda superciliar patente, e coas partes inferiores amarelo-verdosas e as superiores verde-agrisadas. É unha especie endémica macaronésica presente nos bordos dos bosques, de ambientes rurais e de xardíns dos arquipélagos dos Açores, Madeira e Canarias, e introducida nas illas Bermudas. Trasladouse a Europa pouco despois da conquista das Canarias por Castela, onde constitúe, polo canto rico e variado, unha das aves máis apreciadas como animal de compañía. Existen numerosas variedades de coloración, conformación ou variedade do canto, froito da cría selectiva.