Canzoniere

Canzoniere
[LIT]

Obra composta por Francesco Petrarca entre os anos 1336 e 1366. Chamada tamén Rime sparse ou Rerum vulgarium fragmenta, é, na súa última redacción, un conxunto de 366 poemas (317 sonetos, 29 cancións, 7 baladas, 4 madrigais e 9 sextinas), recollida no códice Vaticano latino 3195. Á marxe dunha trintena de composicións de carácter político e moral, o núcleo desta colección vén marcado polas rimas amorosas, de aí que o tema dominante sexa o amor nos seus distintos aspectos: paixón, sufrimento pola non correspondencia, conflito entre o amor e a conciencia relixiosa, nostalxia do pasado ou repudio do sentimento. A obra concíbese como un diario interior no que a expresión amorosa se converte nun instrumento para captar os impulsos e contradicións do eu e atopar o fondo do seu espírito. Laura é o centro do cancioneiro, unha muller arredada das abstraccións do dolce stil nuovo. As rimas dedicadas a ela divídense en dúas partes tituladas In vita di madonna Laura e In morte di madonna Laura. A obra ábrese cun soneto prólogo no que se presenta a historia como un arrepentimento que pretende servir de aviso a outros amantes, seguido dunha serie de sonetos que cantan ao día, á ocasión e ao lugar do namoramento, revelando nun acróstico o nome da amada. A continuación, mestura grupos de poemas dedicados a Laura, ou ao amor que sente por ela, con outros de tema político (“Della crociata”), algúns polémicos (“Sonetos de Aviñón”) ou de temas varios, que teñen a función de separar e destacar as series de poemas amorosos. Ao longo das composicións líricas pásase dunha primeira fase de paixón e tormento pola renuncia da dama, ao conflito interior entre a paixón non apagada e a conciencia do seu carácter pecaminoso, isto é, o conflito entre o amor terreal e o amor divino que sobrevive á morte da amada e chega ata a vellez, momento no que aparece o sentimento melancólico dunha posible felicidade truncada pola morte. A obra péchase cunha serie de poemas de temática relixiosa e cunha canción á Virxe. A lírica petrarquista supuxo, na poesía italiana, unha nova forma de concibir o amor como símbolo da vida interior que se esforzaba por axustarse ao ideal cristián, pero que xa non lograba harmonizar os seus múltiples impulsos internos, do mesmo xeito que non conseguía pecharse nunha visión racional e coherente de todo o universo. A obra de Petrarca considérase como un exemplo de lírica psicolóxica, da expresión lírica dos cambios culturais e psicolóxicos que marcan o final da Idade Media, de donde arrinca a   chamada corrente petrarquista que tanto influiría na literatura europea dos séculos XV ao XVII.

Palabras veciñas

canzada | canzone* | canzonetta* | Canzoniere | canzorro | Cao | Cao Bang