caolinita
(
Filosilicato de aluminio, de fórmula Al4Si4O10(OH)8. Cristaliza no sistema monoclínico, xeralmente en masas compactas, fariñentas ou que se poden esmigallar facilmente e, máis raramente, en pequenas escamas hexagonais ou rómbicas. Ten dureza 1-2,5, peso específico 2,2-2,6, cor branca ou tinxida por impurezas, opaca ou translúcida, con brillo nacarado e tacto graxo. Compoñente esencial do caolín, atópase tamén noutras arxilas e solos, asociada co feldespato, cuarzo, corindón e diásporo. Hai dous minerais que teñen a mesma composición ca a caolinita e que, en menor proporción, tamén forman parte do caolín: a dickita e a nacrita. Os minerais do grupo da caolinita a miúdo proceden da descomposición de rochas con sílice e aluminio. Así, aparece como produto de alteración por hidrólise en condicións de acidez dos feldespatos das rochas graníticas, especialmente nas zonas tropicais, onde existe unha forte lixiviación provocada polas intensas precipitacións. O novo mineral dá lugar a granitos caolinizados ou pode verse desprazado e formar depósitos sedimentarios de caolín. En Galicia, os xacementos de granitos caolinizados máis importantes son o de Vimianzo (abandonado), Laxe e Coristanco; en Xove existe un xacemento de orixe hidrotermal. O caolín sedimentario atópase nas concas do terciario da Guarda, Tui e Porriño, onde se teñen rexistrado espesores de ata 50 m, arxilas brancas e marelas de ata un 90% de caolinita e tamén en explotacións abandonadas de Sanxenxo, Meaño e Valga. Aparece, así mesmo, entre lignitos de Meirama, Narón e Lendo. Constitúe un importante mineral industrial cun consumo anual duns 20 millóns de toneladas. Galicia produce o 40% da caolinita de España que se emprega na fabricación de louzas e porcelanas, satinado de papel, cementos brancos e como elemento de filtrado, catalizador, cosmético e aditivo alimentario.