caos
(< lat chaos < grχάος ‘confusión’)
-
s
m
[FILOS]
Estado de confusión dos elementos anteriores á organización do mundo. É o termo contrario ao de cosmos ou mundo delimitado e ordenado. Este concepto atópase en moitas cosmogonías primitivas (Grecia, Babilonia, Fenicia, Exipto, India, China, Xapón, Indonesia e a Polinesia). A descrición bíblica da creación semella empregar a idea de caos. A miúdo este concepto aparece na filosofía presocrática. Anaxágoras introduciu o nous, Platón o demiúrgo, e os estoicos as razóns seminais, como principios superiores que haberían de poñer orde ao caos e orixinar o cosmos.
-
s
m
Confusión e desorde completa en calquera cousa ou situación.
Ex: O incendio creou un caos no colexio e os nenos non sabían saír do edificio.
Confrontacións: anarquía, desconcerto, descontrol. -
s
m
[XEOG]
Amoreamento confuso de bloques de rochas, que aparece xeralmente ao pé das vertentes abruptas en zonas onde a disgregación das rochas é extremadamente intensa.
-
caos determinista
[FÍS]
Explicación de certos fenómenos físicos que dá lugar a dous aspectos teoricamente contraditorios: a imprevisión dos fenómenos caóticos e o determinismo. A evolución de certos fenómenos aparentemente caóticos parece ter unha certa orde no tempo. Un sistema a primeira vista ordenado, pode tomar un movemento desordenado, que finalmente se volve completamente irregular e caótico. O caos determinista, que se produce en fenómenos macroscópicos, caracterízase pola existencia dun atraente estraño, de estrutura fractal. Non obstante , o caos pode aparecer en sistemas ordenados por definición como o láser: un simple espello lixeiramente desaxustado pode inducir o caos.