capitel
(< occit capitel)
Elemento arquitectónico que coroa xeralmente a parte superior dunha columna. Está composto polo astrágalo, que o une ao fuste, unha parte media, lisa ou decorada, e o ábaco, sobre o que descansa o entaboamento. A súa finalidade é darlle unha maior base ao soporte da arquitrabe ou arco, concentrando as súas cargas de forza e transmitíndoas á columna. Pola súa colocación pode ser de dúas, tres ou catro caras. Na historia da arte occidental, foi un centro de atención para as diversas culturas que lle aplicaron distintas formas decorativas que, ao se converter en canons ríxidos, deron lugar a un factor de identificación de estilos. A arte exipcia empregou uns tipos de capiteis baseados na vexetación do país; así creou o capitel lotiforme, papiriforme e palmiforme, ademais de crear o hatórico, que reproducía a cabeza da deusa Hator. Na arquitectura aqueménida destaca o tipo formado por dúas medias figuras de animais pegadas, que chegou ata á India en tempos do Emperador Aśoka (s III a C). O mundo helénico coñeceu tres ordes arquitectónicas, con variadas solucións para o capitel: o dórico, con equino circular e ábaco cadrado apoiado directamente sobre a arquitrabe; o xónico, rectangular e con volutas, unido ao fuste por medio de molduras circulares e rematado nun ábaco rectangular; e corintio, en forma de campá invertida, con dúas follas de acanto, con catro volutas nos ángulos e co ábaco rectangular curvilíneo. Os dous últimos estendéronse, xeográfica e temporalmente, ata chegar á India a través dos pobos helenizados, como os kušāna. Os romanos crearon dúas ordes nos seus capiteis: o toscano, derivado dos templos etruscos, e o composto, de maior riqueza ornamental que combina o xónico e o corintio. A arte bizantina retomou e estilizou a orde e o capitel corintio, ademais de crear un novo tipo en forma de pirámide truncada invertida. Durante a Idade Media triunfou o capitel corintio nas artes merovinxia, visigoda, asturiana, islámica e mozárabe. A arte románica desenvolveu, ademais, o capitel historiado, xa empregado nas termas de Caracalla, mentres que a gótica reduciu a súa importancia ao estaren as columnas pegadas aos piares. O Renacemento volveu esencialmente á columna de capitel corintio e composto, que continuaron triunfando durante todo o Barroco, ata que o neoclasicismo adoptou as ordes xónica e dórica.