Carballo
-
[ONOM]
Apelido de orixe toponímica que procede da raíz prerromana *carb- ‘pedra, planta nacida entre as pedras’. Documéntase no s XIV: “Mayor do Carballo” (doc ano 1364 en Emilio Duro Peña El Monasterio de San Esteban de Ribas de Sil, 1977, p 316). Nalgún caso a orixe deste apelido podería ser un alcume aplicado a individuos fortes, brutos; de feito, aínda se conserva a expresión “estar como un carballo” empregada para referirse a unha persoa con gran fortaleza física. Adoita aparecer grafado cun -v- non etimolóxico (Carvallo).
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe natural da vila coruñesa de Carballo. Estendeuse por Asturias e Portugal, e entroncou con ilustres familias lusitanas. Para os galegos recóllense dous brasóns: un leva, en campo de ouro, unha árbore de sinople, arrincada, no lado destro, e un brazo armado de sable, cunha espada na man, movente do flanco sinistro; e outro, en campo de ouro, un carballo de sinople, e, penduradas das súas pólas, dúas cadeas de ferro, unha a cada lado e un lobo pardo ao pé do tronco, atado cunha cadea de sable. Os de Asturias traen, en campo de prata, un carballo de sinople, afroitado de ouro e acompañado, na parte destra, dunha muller en actitude de tirar das pólas da árbore e, na parte sinistra, dun león da súa cor, rampante, sostendo nas súas mans un escudiño de goles pendurado dunha das ramas, cargado no lado sinistro dunha alcándara de prata cunhas luvas de cazador de ouro colgando e no lado destro dun falcón da súa cor; o escudiño está rodeado da lenda: “La virtud me hace torcer; que por fuerza, no tengáis temor que fuerza”, en letras de sable. Outros asturianos empregan, escudo acuartelado: primeiro e cuarto cuartel, en campo de prata, con tres faixas de goles; segundo e terceiro, en campo de prata, cun lobo andante de sable. Os de Portugal levan escudo partido: primeira partición, en campo de goles, cun carballo ao natural, arrincado e perfilado de ouro; segunda partición, en campo de goles, cunha torre redonda de prata, aclarada de sable e batida por ondas mariñas de azul e prata. Outros portugueses traen, en campo de azul, unha estrela de ouro posta en abismo e encerrada entre catro medias lúas de prata apuntadas.