Carlomagno

Carlomagno

ou Carlos I (? 742 - Aquisgrán 20.1.814) Rei dos francos (768-814) e primeiro emperador do Imperio de Occidente restaurado (800-814). Segundo soberano da dinastía carolinxia, á que deu o nome, era fillo de Pipino o Breve e de Berta ou Bertrada, filla de Caribet, conde de Laon. Herdou do seu pai os países dispostos en semicírculo desde Bohemia ata a metade occidental dos Pireneos, e o seu irmán Carlomán os comprendidos nun semicírculo interior desde Suíza ao Pireneo oriental. Ao morrer Carlomán (771), Carlomagno apoderouse dos seus estados en detrimento dos dereitos dos seus dous sobriños, que se refuxiaron na corte de Desiderio, rei dos lombardos e pai da muller de Carlomagno a quen este repudiara. Desiderio atacou o Papa Adrián I por opoñerse a coroar os fillos do defunto, e Carlomagno acudiu a auxiliar o papa. Despois da rendición de Desiderio foi proclamado rei dos lombardos no 774. Mentres, casou coa franca Hildegarda quen lle deu oito fillos, entre eles Carlos, Pipino e Luís. Sometidos os lombardos, atacou os saxóns no 772 e venceunos de forma definitiva no 785. Non obstante no seu intento de dominar unha zona comprendida entre os Pireneos e o Ebro, foi derrotado polos musulmáns en Roncesvalles o 15 de agosto do 778. No 781 os seus fillos Pipino e Luís foron consagrados en Roma como reis de Italia e Aquitania, respectivamente. Entre o 787 e o 788 os francos someteron o duque Tassilón de Baviera e incorporaron Baviera e Carintia ao reino franco. Mentres, produciuse unha lenta penetración na fronteira pirenaica cos sarracenos. A Seu d’Urgell pasou a dominio carolinxio pouco antes do 789 e os condados de Cerdaña e de Urgell gobernáronse en nome do rei franco. Desde o 791 ata o 799 os francos loitaron contra os ávaros no Danubio medio, loitas que remataron coa submisión destes últimos a unha especie de protectorado. Nas fronteiras de Elba, Saale e Eider, Carlos, o maior dos fillos de Carlomagno, exerceu unha presión constante sobre daneses, sorabos e checos. No outro extremo do reino, Guillerme de Toulouse organizou, en 796, unha expedición de saqueo en resposta á razzia do ano 793. No 797 o valido de Barcelona e o Rei Afonso II o Casto entraron en relación con Carlomagno. No ano 800 Carlomagno volveu a Roma para restablecer o papa nas súas funcións, perturbadas polas desordes locais, e o día de Nadal foi coroado emperador. Este feito creou tensións co Imperio Bizantino, pero Carlomagno, para neutralizar os bizantinos e os cordobeses, estableceu amizade co califa de Bagdad, Hārūn al-Rašīd. Coa morte do emperador bizantino Nicéforo, o novo emperador, Miguel, aceptou no 812 o coroamento do 800 a cambio da renuncia de Carlomagno a Venecia e Dalmacia. O califa de Córdoba consentiu tamén a nova fronteira setentrional, Barcelona foi ocupada (801) e fracasaron os ataques cristiáns contra Tortosa (808 e 809). No 806 Carlomagno dividiu os seus estados entre os tres fillos que tivera de Hildegarda, aínda que retivo a realeza e o imperio. Non obstante , Carlos e Pipino morreron no 811 e a Luís asociouno ao Imperio no 813. Carlomagno morreu en Aquisgrán e foi enterrado na capela palatina. Foi un bo administrador, creou as marcas defensivas do Imperio Carolinxio e aplicou un réxime interior eficaz grazas á súa dedicación persoal e á dos seus enviados ás rexións afastadas do Imperio. Gran protector da cultura e das artes, promoveu o que foi chamado renacemento carolinxio. A figura de Carlomagno foi centro dunha ampla produción histórica e literaria en latín e en latín vulgar da que destacan os cantares de xesta franceses do chamado ciclo do rei ou carolinxio e o famoso Cantar de Roldán. Concedeu especial atención á relixión e á cultura escrita, e no proceso de copia dos documentos creou un novo tipo de letra que se denominou carolinxia. No 1165 o arcebispo Reinaldo de Colonia canonizouno irregularmente, polo que se aboliu este culto cara ao ano 1484. A tradición xacobea identificouno como peregrino e benfeitor da Igrexa compostelá, que rezaba por el cada 21 de maio.