cartel

cartel

(< carta)

  1. s m [ARTE/GRÁF]

    Peza de papel, plástico, tea ou calquera outro material manuscrita ou impresa con imaxes e textos publicitarios, que se fixa en lugares públicos para anunciar algunha cousa. Polo seu carácter de comunicación de masas ten que responder a unhas condicións de simplicidade, forza suxestiva e orixinalidade que o fagan atractivo ao público e comprensible de xeito fácil e rápido. O colorido ten unha grande importancia, está composto dun número limitado de tintas planas que o fan máis ou menos visible na distancia segundo os tons empregados e a súa distribución dentro da composición.
    Orixe e evolución do cartel
    O cartel ten uns precedentes históricos moi antigos, que se remontan a Exipto, Mesopotamia, Grecia e Roma. Tamén poden considerarse como precedentes as mostras que durante séculos se colocaban á entrada das tendas como reclamo. Non obstante , o cartel como tal apareceu gracias á invención da xilografía e, sobre todo, da imprenta en 1450. Francia foi o país onde antes se xeneralizou. Os primeiros carteis foron monopolio da Igrexa e do estado. Máis tarde empregouse para anunciar as festas e feiras populares e incluso, no s XVII, para anunciar algúns produtos comerciais, aínda que a maioría deles eran carteis tipográficos sen debuxos. Na Península Ibérica os certames taurinos deron orixe a un tipo de cartel que apenas variou ao longo dos anos. Entre os seus autores destacaron Marcelino de Unceta e Ruano Llopis. No s XIX a litografía permitiu o seu perfeccionamento e desenvolvemento. Os carteis, primeiramente en branco e negro, pasaron a ser policromos e as súas medidas aumentaron. A finais do s XIX alcanzaron unha insospeitada calidade polo feito de participar na súa elaboración destacados artistas como Jules Chéret, Pierre Bonnard, Édouard Vuillard, Honoré Daumier ou Édouard Manet. Sobre todos estes destacou Henri de Toulouse-Lautrec. A súa produción sorprende polo seu colorido e modernidade. Tamén sobresaíron como cartelistas Alphonse Mucha, Eugène Grasset e Jean-Louis Forain. De Francia pasou a Inglaterra, país no que apareceron autores como Walter Crane, Beggarstaff Brothers, Aubrey Beardsley, Dudley Hardy; Alemaña, con L. de Hofmann, Karl-Emil Döpler, Joseph Sattler e Thomas-Theodor Heine; os EE UU, con Ethel Reed, Edward Penfield, H. Bradley, etc. Xa no s XX, as diferentes correntes fauvistas, cubistas, superrealistas ou abstractas influíron na arte do cartel. En Francia cómpre salientar, primeiramente, a Leonetto Capiello, de orixe italiana, e, posteriormente, a Cassandre, Jean Carlu, Paul Colin, Sepo, etc. En Alemaña, Ludwig Hohlwein, Lucien Bernhard, Lois Gaigg, Arno Meng e Anton Jung, entre outros; e, en Gran Bretaña, a Jean Dupas, Austin Cooper, E. McKnight-Kauffer, Zero e Richard Beck. Nos EE UU os máis destacados foron John Atherton, C. F. Underwood e F. Stanley. Actualmente, a cartelería utilízase con gran frecuencia nos puntos de venda e tamén en publicidade exterior (cabinas telefónicas, paradas de autobuses, marquesiñas urbanas e postes publicitarios), entre outras moitas aplicacións.
    Orixe e evolución do cartel en Galicia
    A orixe da produción cartelística en Galicia está nos anuncios das festas das diferentes vilas e cidades. Paulatinamente, foron adquirindo un carácter publicitario e político. Coma noutros lugares do país, os primeiros carteis dos que hai referencia en Galicia son os que anunciaban as festividades taurinas. Os primeiros carteis relativos a acontecementos galegos realizáronse fóra de Galicia mentres nos obradoiros galegos só se realizaban algúns referentes a festividades relixiosas de carácter local; máis populares foron os chamados carteis de cego que, ao xeito das bandas deseñadas, se usaban para relatar unha serie de acontecementos nas feiras. O cartelismo galego nace e consolídase no primeiro terzo do s XX da man de ilustradores e debuxantes como Manuel Bujados, Álvaro Cebreiro, Máximo Ramos ou Camilo Díaz Baliño, e pintores como Francisco LLorens, Carlos Maside ou Carlos Sobrino. Os primeiros carteis, que conxuganban a imaxe e o texto, foron unha continuación dos programas de man das diferentes festas, que informaban sobre os actos que ían ter lugar (inicialmente os das festas da Coruña e de Santiago de Compostela) e foron desaparecendo co paso do tempo. Sinálase 1909 como data de referencia para o cartelismo galego; nese ano, o concello de Santiago de Compostela convocou un concurso coa finalidade de anunciar as festas do Apóstolo, que gañou Máximo Ramos, ao mesmo tempo que Francisco Llorens realizaba o cartel anunciador da Exposición Regional Gallega. Outras cidades galegas como A Coruña, Vigo ou Ourense, tamén adoptaron o cartel como medio de publicidade para as súas festas. Cómpre salientar a participación de artistas galegos nos concursos do Círculo de Bellas Artes de Madrid e na Exposición Iberoamericana de Sevilla de 1929, onde, baixo a dirección de Llorens, o pavillón galego foi decorado con carteis que amosaban as vilas e cidades de Galicia. Estes carteis foron realizados por Díaz Baliño, Maside, Bujados, Juan Luis, Arturo Souto, Echegaray, Federico Ribas, Castro Gil, Requejo e Suárez Couto, entre outros. Nos primeiros anos do século o cartel non foi un medio moi estendido no mundo editorial, agás os realizados por Castelao para promocionar a súa obra Un ollo de vidrio e os que aparecían na revista Céltiga ou no xornal Galicia. Empregáronse, ademais, para anunciar ou promocionar todo tipo de eventos culturais, como a Exposición de Arte Gallego (Carlos Sobrino, 1917) ou a Coral Ruada (Camilo Díaz Baliño, 1931); deportivos como os do Real Club Deportivo da Coruña (Francisco LLorens, 1909) e o Real Club Celta de Vigo (Federico Ribas) ou a Primeira Volta Ciclista a Galicia en 1933; turísticos, promocionados polo Patronato Nacional de Turismo, como o de Santiago de Compostela (Carlos Sobrino, 1926); e comerciais, para anunciar produtos alimentarios, augas, medicinas, compañías de transporte, principalmente marítimas, espectáculos, algún produto industrial, etc. Entre os artistas que se dedicaron ao eido industrial destaca Federico Ribas, que realizou traballos para as Termas de Cuntis (1930) e para Heno de Pravia (1916). Moitas destas obras coñécense gracias á súa reprodución en azulexo, como os que anunciaban a Compañía Hamburguesa ou as Aguas de Cabreiroá. O cartelismo de carácter político comezou en Galicia coa campaña a favor do Estatuto de Autonomía de 1936, na que participaron Castelao, Díaz Baliño, Díaz Pardo, Maside e Luís Seoane.

  2. s m

    Cada unha das pezas laterais dalgúns zocos e zapatos, unidas por unha costura sobre as que descansa o contraforte.

  3. s m [DER]

    Convención pactada entre países belixerantes co fin de regular, durante a guerra, certas relacións, como as comunicacións postais e telegráficas, o trato e o intercambio de prisioneiros, o comercio entre os seus súbditos, etc.

  4. [PESCA]
    1. s m

      Cada unha das pezas da rede que se unen entre si ou con outras pezas e que forman parte de diversas artes de pesca.

    2. cartel de casea/do xeito

      Cartel que consta de tres a sete pezas, cada un delas, á súa vez, composta de 26 a 30 brazas e de 8 a 10 de altura. Cada cartel leva nos seus catro lados unha banda de fío de cánabo, con mallas nas cadenetas e nas cabezas.

    3. cartel da chincha

      Anaco de rede que cando funciona en conxunto toma forma de bolsa, semellante a un cope.

    4. cartel da man

      Anaco de rede da arte do xeito que ten arredor de dúas brazas de ancho e que está unido por matafións ao corpo da arte.

    5. cartel da rapeta

      Cartel que leva pandullos e forma o centro do aparello. Ten arredor de 16 brazas de longo e 8 de altura.

    6. cartel da rapetiña/sacadiña

      Cartel con dúas brazas e medio de alto e catro de longo, e que posúe chumbos e cortizas.

    7. cartel da sacada

      Cartel constituído por un anaco de rede de oito brazas de altura, coa mesma lonxitude de alto, que forma o centro ou o fondo da rede e que constitúe un cope imperfecto.

    8. cartel do cedazo

      Cartel que pecha esta arte de pesca e que ten forma oval ou redonda, utilizada con pandullos.

    9. cartel do rabo/resón

      Peza da rede que vai nun extremo da arte de pesca do xeito.

Frases feitas

  • Ter cartel. Ter sona ou estar acreditado.

Palabras veciñas

Carteire | carteirista | carteiro -ra | cartel | cártel | Cartel | Cartel