casamento

casamento

(< 1 casar)

  1. s m

    Acción e efecto de unir dúas persoas en matrimonio. Na tradición oral recóllense ditos como: “Algo terá o casamento cando o bendicen. Casamento malo logo é concertado. Casamento por interés, o contento dura un mes. Casamento sinxelo; nin el leva capa, nin ela mantelo. O casamento é bo de facer, mais quen o ha de soster, moito ten que saber. O casamento i o caldo, en quente e pelando. O casamento parece cousa do vento: canto ás veces máis se trata, máis logo se desbarata”.

    Sinónimos: casoiro, casorio.
  2. s m
    1. Cerimonia pola que se contrae matrimonio.

      Ex: Ó final do casamento o xuíz felicitou os contraentes.

      Sinónimos: casoiro, casorio, voda.
    2. Festa que acompaña a cerimonia pola que se contrae matrimonio.

      Ex: No casamento bailamos todo canto quixemos.

      Sinónimos: casoiro, casorio, voda.
  3. s m [HIST]

    Paga que os patróns nobres lles esixían aos mosteiros cando casaba unha das súas fillas e que se destinaba para o dote ou para o mantemento do novo matrimonio.

  4. casamento de conciencia

    Compromiso que adquiren os noivos de unirse despois de dar a súa palabra.

  5. casamento de troque

    Unión de dous irmáns dunha familia con dúas irmás doutra, ou a unión dun home e dunha muller pertencentes a unha familia, cunha muller e un home doutra. Por este compromiso, ao saír da casa paterna, renunciaban reciprocamente á herdanza dos seus pais para adquirir a dos sogros.

  6. casamento na casa [DER]

    Convenio ou pacto feito en capítulos matrimoniais.

  7. Sociedade familiar creada por medio dun pacto de comunidade de bens entre dous matrimonios, un deles sen fillos, unidos entre eles por vínculos de parentesco, e que establece unha relación de sucesión comunitaria.

Frases feitas

  • Non ha perder casamento por iso. Falta de pouca importancia que non rebaixa a estimanza cara a alguén.

Palabras veciñas

casamata | casamenteira, A | casamenteiro -ra | casamento | cásamo | Casanare | Casandra