castelo

castelo

(

    1. s m

      Edificio fortificado situado xeralmente no cume dun outeiro que domina unha poboación. A súa orixe remóntase ás fortificacións prerromanas e, especialmente, ás romanas: as turres ou torres illadas, os oppida ou recintos fortificados, os castra ou campamentos fortificados con guarnición permanente, e o castellum, fortificación menor habitada na que se podía refuxiar a poboación civil en caso de perigo. O establecemento permanente de persoas civís ao redor dun castellum orixinou o burgo. Na Idade Media, o castelo, constituído por un edificio ou conxunto de edificios fortificados e a miúdo cunha organización militar e recursos propios, foi xeralmente a residencia dun señor feudal que moitas veces tiña xurisdición sobre un determinado territorio. Os diversos elementos que o constituían respondían fundamentalmente á súa finalidade defensiva. O material utilizado foi xeralmente a pedra. O recinto fortificado estaba rodeado polo muro ou muralla, alta, sólida e de grosor variable. A proximidade do atacante era advertida polos gardas, vixias ou sentinelas que observaban calquera movemento dende a atalaia, a torre ou as garitas. No muro, coroado polas ameas que servían de parapeto, abríanse a intervalos regulares as seteiras a través das que os defensores disparaban frechas con arcos e béstas, posteriormente substituídas polas troneiras, onde se colocaban as armas de fogo. Entre unhas e outras había uns parapetos comunicados polo camiño de rolda, a nivel superior, que rodeaban o castelo. Sobresaíndo en altura do muro estaban as torres de planta circular ou cadrada, a miúdo nos ángulos ou protexendo a porta. As barbacás, os bastións e os baluartes eran os puntos máis avanzados da fortificación. Desde os elementos saíntes, a ladroeira e o matacán, podíanse lanzar pedras, auga ou aceite quente sobre os inimigos. O castelo comunicábase co exterior pola porta, flanqueada por dúas torres, á que se accedía por unha ponte levadiza que salvaba o valo ou foso, a miúdo cheo de auga e que impedía o acceso directo ao castelo desde o exterior. A poterna conducía ao valo pero non se empregaba para entrar ou saír do castelo. A cerca e a torre albarrana eran fortificacións exteriores do castelo. Interiormente, a porta estaba protexida por unha reixa móbil que podía subir ou baixar e que permitía o acceso ao patio interior ou á praza de armas que comunicaba coas diversas dependencias do castelo (a cisterna, a capela, as cortes) e co último recinto ou cidadela, coroada pola torre da homenaxe. Unha mina ou pasadizo subterráneo comunicaba o castelo co exterior en caso de estar sitiado. A decadencia dos castelos na súa función militar no s XVI, derivada da nova estratexia dos tempos modernos e da lenta degradación feudal, ocasionou a progresiva transformación do castelo-fortaleza en castelo-palacio. Paralelamente, o castelo na súa función militar deu lugar no s XVII, a un novo tipo de fortificación militar: o forte ou cidadela. En Galicia, a función defensiva dos castelos condicionou a súa localización. Mentres que nas costas foron máis habituais as torres, no interior predominaron os castelos. Os castelos galegos defendían o territorio das posibles invasións, permitían o dominio dun señorío ou vixiaban as rutas e camiños. Podían ser, ben de planta rectangular, como o castelo de Castroverde, ben circular, como o de Moeche.

    2. s m

      Construción grande e señorial, normalmente situada en espacios rurais, que presenta unha feitura semellante á das fortalezas.

    3. castelo de area

      Figura modelada con area húmida que representa un castelo ou con calquera outra imaxe, que fan os rapaces cando xogan na praia.

    4. castelo penedeiro/penedoso

      Castelo ergueito nunha rocha ou no cume dun penedo.

    1. s m

      Conxunto de elementos amontoados uns sobre os outros que semellan a forma dun castelo.

    2. castelo de cartas/naipes

      Construción que se fai con cartas da baralla poñendo unhas por riba das outras.

    3. castelo de fogos

      Conxunto de fogos artificiais, orixinariamente en forma de castelo, que se lanzan co gallo dalgunha celebración ou festa.

    4. castelo humano

      Conxunto de individuos subidos uns nas costas doutros ata acadaren varios pisos de altura. É unha tradición propia das festas populares en moitas vilas de Catalunya e do Mediterráneo, en xeral, que ten como antecedentes algúns bailes populares que remataban facendo unha torre humana.

  1. s m [BÉL]

    Máquina militar de madeira con forma de torre que se usaba na Antigüidade e que ía colocada sobre elefantes.

  2. s m [MAR]
    1. Parte da cuberta principal ou superior dun buque comprendida entre o trinquete e a roda. Tamén se coñece co nome de castelo de proa.

    2. Parte de madeira situada a proa e a popa da ponte que, nas embarcacións antigas, servía como aloxamento.

  3. s m [ETN]

    Cada un dos saíntes que ten o xugo ou a canga na súa parte dianteira, onde vai suxeita unha corda ou unha peza de coiro que permite unir os bois ao cabezallo do carro ou do arado.

    Sinónimos: camallón, camarzón, entalla.
  4. s m [ETN]

    Canas de millo que se colocan arredor dun pau en forma de meda.

  5. s m [XEOG]

    Forma de relevo residual, xurdida por erosión diferencial, que suxire a mole dunha fortaleza.

  6. s m [METEOR]

    Acumulación de nubes de desenvolvemento vertical, provocadas por movementos convectivos das masas de aire. Aparecen cando está o tempo de tronada e poden traer chuvia.

  7. s m [HERÁLD]

    Figura frecuente nos brasóns que se representa con ameas, porta, ventás e tres torreóns ameados, o do medio máis alto cós outros.

Frases feitas

  • Facer castelos no aire. Realizar proxectos sen fundamento.

  • Facer castelos de naipes. Ter demasiadas esperanzas sobre algo que se realizou con medios inadecuados.