Castro de Montes, torre-fortaleza do

Castro de Montes, torre-fortaleza do

Fortificación situada en Presqueiras, no concello de Forcarei, construída por iniciativa do arcebispo Xelmírez. Baixo a xurisdición do arcebispado de Santiago foi centro administrativo e residencia dos xuíces meiriños da comarca ata 1476, data na que se trasladaron a Soutelo de Montes. Desde alí cobraban as rendas para a igrexa santiaguesa e para a Coroa, así como de administrar xustiza. O seu topónimo revela a existencia dun asentamento castrexo dotado das defensas naturais do río Presqueiras. Despois das Revoltas Irmandiñas, reconstruíuse a comezos do s XVI. Da muralla, que seguía un plan rectangular ao redor do patio, coa torre de homenaxe no centro, só se conservan algúns tramos. A partir do s XVII perdeu interese estratéxico e as edificacións entraron nun proceso de deterioración, agás a ermida da Nosa Señora do Castro, que fora erixida ao carón da fortaleza e reconstruída no último terzo do s XVIII seguindo trazas barrocas.