Castromil
Empresa de transportes fundada por Evaristo Castromil no ano 1917, que tiña como obxectivo último unir as cidades da Coruña e Vigo. A súa primeira liña, inaugurada no ano da súa fundación, foi Santiago de Compostela-Pontevedra. Sete anos máis tarde, en 1924, trala constitución da Unión Nacional de Transportes, concedéronlle as liñas A Coruña-Santiago de Compostela, Santiago de Compostela-Vigo e Santiago de Compostela-Ourense. No ano 1929, cando xa contaba cunha flota de 43 vehículos, constituíuse como sociedade anónima e instalou as súas oficinas no edificio Castromil, en Santiago de Compostela, de estilo modernista. En 1933, o fillo do fundador, Ramón Castromil Casal, ocupou a presidencia da compañía, mentres o seu pai se reservaba o posto de conselleiro delegado. En 1969, trala morte de Evaristo Castromil, foi o seu neto, Ramón Castromil Ventureira, quen se fixo cargo da empresa ata 1994, data na que pasou a mans do irmán máis novo, Xavier Castromil Ventureira. A partir de 1970 a empresa Castromil iniciou unha política expansiva que a levou a comprar outras empresas do sector: Auto Industrial, que operaba na área de Ourense, en 1977; a empresa Alborés, nos oitenta; Aguila Sande, en 1991; Avelino Garrido, en 1996; e, no verán do 2000, a empresa Villalón. Desa nova estratexia expansiva xurdiu o Grupo Castromil, que diversificou a súa actividade cara a outros segmentos como o transporte de mercadorías ou a promoción inmobiliaria. No aspecto cultural cómpre salientar que foi unhas das primeiras empresas galegas en incorporar o galego á súa administración interna e que, desde 1993, repartiu nos seus autobuses Os contos do Castromil, unha colección de contos de autores galegos.