Catecismo de Santiago, El
Revista infantil ilustrada editada en Santiago de Compostela no ano 1904. Baixo a dirección do P. Urrutia, era un complemento ao labor pedagóxico, que contiña, dende avisos sobre as actividades da catequese, ata artigos de fondo e seccións de entretemento. Atravesou diferentes etapas; a primeira delas rematou no número 76, cando, en 1915, cambiou o seu nome polo de Catecismo de Niños y Niñas. O seu novo director, o P. Luís María Ortiz, apostaba por unha idea máis infantil e lúdica, ao tempo que como poeta e escritor en galego aumentaba a cantidade de colaboracións nesta lingua. Incluíu escritos de J. Barcia Caballero, Julio Alarcón, Juan de Dios Peza, José da Viña e Miguel dos Agros. Tamén insería poemas de Celestino García, Francisca Herrera ou de frei Alfonso Rey. Publicaba dúas seccións; por un lado, “Entretenimientos”, na que había cancións, adiviñas e xogos, e por outro, “Correspondencia”, na que se intercambiaban cartas. En 1917, co traslado de Ortiz para Bilbao, levou con el o Catecismo. En 1924, no número 75, cambiou o seu nome polo de Catecismos de Compostela; este imprimiuse ata 1928, ano no que pasou a chamarse Catecismos de San Martín, que se editou dende 1928 ata 1936.