Catecismo do labrego

Catecismo do labrego
[LIT]

Obra escrita por Valentín Lamas Carvajal baixo o pseudónimo de Marcos da Portela. Publicouse por entregas dende o 21 de outubro ata o 2 de decembro de 1888 no semanario O tío Marcos da Portela. Parrafeos co pobo gallego (nº 250-256), baixo o título de O catecismo do gallego e posteriormente Catecismo da Doutrina Labrega. Composto polo R. P. M. Fr. Marcos da Portela, doutor en Tioloxía campestre, antes de acadar a súa forma definitiva como libro (1889). En clave satírica exponse a mísera situación do labrego galego do s XIX, sometido ao poder das autoridades administrativas que atentan contra a súa dignidade e se aproveitan dos froitos do seu traballo. O autor parodia o Catecismo de la doctrina cristiana do Padre Gaspar Astete (1599), posiblemente o único texto coñecido por toda a poboación galega cunha estrutura dialogada, que conforma un esquema literario eficaz para dirixirse a un público maioritariamente iletrado. O autor, mediante unha disposición en preguntas e respostas semellante á do Catecismo, descóbrelle ao labrego quén son os responsables directos da súa existencia miserable: caciques, usureiros e demais representantes do poder na Galicia do s XIX. Denuncia os altos tributos, o servizo militar, os que ostentan o poder (desde os ministros de Madrid aos concelleiros locais), a curia e certas profesións (médicos, avogados, escribáns, tendeiros ou prestamistas). A crítica ao poder eclesiástico maniféstase de xeito indirecto. O autor ofrece a situación de Galicia dende a perspectiva do pobo e, a través da parodia, invirte todos os valores que pretende censurar. Emprega o galego nun contexto relixioso tradicionalmente vencellado ao castelán e cambia os papeis dos interlocutores: no Catecismo do P. Astete “R”, o representante do pobo, adopta unha postura de inferioridade e asume a doutrina sagrada que “P”, representante do clero, lle suxire; na obra de Lamas “R” ten vida propia, activa e creativa e diríxese a “P” ironicamente. Debido ao caracter popular do texto, hai múltiples xogos de palabras, antíteses, comparacións, hipérboles e metáforas zoomórficas. A obra acadou enorme difusión e popularidade, e tivo en vida do autor trece edicións. Dado o seu éxito, apareceron obras de estrutura semellante nas letras galegas como o Catecismo solidario de Uxío Carré Aldao (1907).

Palabras veciñas

catechú | catecismo | Catecismo de Santiago, El | Catecismo do labrego | Catecismo Solidario | catecol | catecolamina