cátodo

cátodo

(< gr κάϴοδος ‘camiño descendente’)

s m [FÍS]

Electrodo fornecedor de cargas negativas e receptor das positivas en todos aqueles dispositivos que teñen no seu interior un medio non metálico (gas máis ou menos rarefacto, electrólito ou semicondutor) que pasa a ser condutor baixo determinadas condicións. Polo tanto, nos dispositivos alimentados por unha fonte de tensión exterior, a través do cátodo os electróns do circuíto exterior entran cara ao interior do dispositivo e, por este motivo, é o electrodo negativo; sen embargo, é o positivo nos xeradores electroquímicos, pilas ou acumuladores. Nos tubos electrónicos e nos rectificadores sólidos o cátodo produce electróns, que son atraídos polo ánodo. Dentro dun electrólito, no cátodo ten lugar unha reacción de redución cara onde emigran os catións. Se estes son redutibles, a reacción catódica dá lugar ao desprendemento dun gas ou ao depósito dun metal sobre o cátodo (electrodeposición). Se os catións non son facilmente redutibles, prodúcese unha redución electrolítica.

Palabras veciñas

cato | cato -ta | catódico -ca | cátodo | catodoluminiscencia | Catoira | Catoira