caucho
(
Elastómero extraído do látex de diversas plantas (árbores, lianas ou herbas), normalmente propias da zona intertropical, das que a máis empregada industrialmente é a especie Hevea brasiliensis. O látex está formado por unha suspensión coloidal de caucho en medio acuoso que coagula en medio ácido. O caucho é un polímero de isopreno ou 2-metilbutadieno, con longas moléculas filiformes, que presenta as reaccións de adición propias dos dobres enlaces. A reacción máis importante é a de vulcanización, que lle dá ao caucho a insolubilidade en disolventes orgánicos, unha gran resistencia á tracción e á abrasión, e a conservación da súa elasticidade mesmo en quente. As aplicacións do caucho vulcanizado son, entre outras, a fabricación de pneumáticos e outras pezas do automóbil, de coiro artificial, de mangueiras, de bandas transportadoras, de amortecedores de vibracións e de illantes eléctricos. O caucho sintético propiamente dito é o cis-1,4-poliisopreno, que non se produciu industrialmente ata finais dos anos sesenta do s XX. Non obstante , con anterioridade, xa se conseguiran materiais similares ao caucho, que deron lugar a distintos polímeros vulcanizables, coñecidos co nome xenérico de caucho sintético; os máis importantes son: o polibutadieno ou buna (resistente á abrasión, pero difícil de traballar, mestúrase normalmente co caucho natural, sobre todo en cubertas de pneumático), o copolímero do butadieno e o estireno (coñecido como buna S en Alemaña, máis doado de traballar, que pode substituír o natural na maioría das aplicacións e que se emprega moito en cubertas de pneumático para turismos), o caucho butilo (moi impermeable aos gases, quimicamente inerte e bo illante eléctrico, moi empregado en cámaras de pneumático e no illamento de cables), o neopreno ou polímero do 2-clorobutadieno (resistente á calor, ás chamas e ao ozono, con moita resistencia á tracción pero de pouco uso por razóns económicas) e o copolímero de butadieno e o acrilonitrilo (coñecido como buna N, empregado en pezas que están en contacto co petróleo e derivados). A pasta de caucho cru está formada polo polímero vulcanizable, natural ou sintético, o axente vulcanizante, os catalizadores da vulcanización, os activadores, os antioxidantes, os plastificantes, as materias de carga reforzantes (negro de fume ou caolín) e as materias de carga inertes. O proceso de fabricación de pezas de caucho consta, en xeral, das seguintes operacións: malaxación e mestura, preelaboración (que consiste en darlle ao material unha forma previa mediante laminado, extrusión, etc), confección ou construción e vulcanización. O látex, natural ou sintético, ademais de servir para a inmersión de tecidos, emprégase para obter obxectos vulcanizados, como a escuma de caucho, guantes, etc. O caucho rexenerado obtense por quentamento en medio alcalino ou ácido, ou por simple tratamento con vapor sobrequentado en presenza de catalizador, e pode vulcanizarse e traballarse novamente. Ademais do seu valor como materia de carga é útil porque facilita algunhas operacións, principalmente a extrusión. Os maias e outros pobos aborixes de América xa coñecían e empregaban o caucho. Colón foi o primeiro europeo que viu o caucho, usado polos indios haitianos nun xogo de pelota. Non foi ata 1839, co descubrimento da vulcanización por parte de C. Goodyear, cando o uso do caucho comezou a ser común e contribuíu á explosión da segunda Revolución Industrial. Varios decenios máis tarde comezouse a pensar na creación de plantacións de árbores produtoras de caucho e foi así como se chegou ao establecemento de plantacións no sueste asiático. Ao longo do s XX a demanda experimentou un forte incremento grazas á expansión da industria do automóbil. O período de entreguerras deu lugar, especialmente en EE UU, en Alemaña e na URSS, ás experiencias co caucho sintético, que desprazou progresivamente ao natural. Pero a crise do petróleo supuxo unha volta ao caucho natural, ata o 1981, ano no que chegou a ser máis barato ca o sintético. A expansión das plantacións asiáticas é paralela á da produción mundial. Despois da Segunda Guerra Mundial, os EE UU convertéronse no único gran produtor de caucho sintético, pero o seu papel diminuíu co paso do tempo.