caucásico -ca
(< topónimo Cáucaso)
-
adx
[ANTROP/FISIO]
Aplícase aos representantes do grupo leucodermo.
-
linguas caucásicas
[LING]
Familia de linguas faladas na rexión do Cáucaso por uns catro millóns de persoas. Entre os diversos intentos de clasificación, Bopp relacionouna co indoeuropeo; N. Marr agrupouna nunha familia chamada iafética, e atopou trazos comúns entre o caucásico do sur e o semítico; Dumézil, Vogt, Bouda e outros, atoparon semellanzas co éuscaro, pero Michelena recoñeceu que as súas relacións non están claras. Modernamente, aceptouse a clasificación en linguas caucásicas do norte e linguas caucásicas do sur. As do sur, co xeorxiano como lingua máis importante, compoñen o grupo de linguas kartvelianas ou ibéricas. Son trazos comúns do grupo a perda de elementos de clase e do xénero gramatical, unha gran riqueza de sufixos e prefixos, un sistema verbal moi complexo e un sistema de numeración vixesimal. O grupo de linguas do norte presenta máis dificultades de agrupamento. Acéptase subdividilas en linguas do grupo occidental ou noroccidental, chamadas linguas abkhazo-adigueo, grupo homoxéneo cunha unidade primitiva, e en linguas do grupo nororiental ou nakho-daguestano, máis diverso e aínda descoñecido, do que se aceptou o parentesco e a división en dous grupos: o checheno ou nakho e o daguestano. En conxunto presentan poucos trazos comúns: no tocante á fonética, hai pobreza de vocalismo e gran complexidade do consonantismo; no que respecta á flexión, aparece o uso do caso ergativo.