Caveiro

Caveiro
[ONOM]

Apelido de orixe toponímica. O topónimo Caveiro remite á base prerromana *cal ‘pedra’; de feito, os lugares de Galicia que levan este nome son zonas onde abundan as pedras. A forma antiga deste topónimo é Calauario: “Iohannis de Calauario” (doc ano 936 en A. López Ferreiro Historia de la Santa A. M. Iglesia Catedral de Santiago, apéndice 2, p 124). Cunha forma máis próxima á actual atéstase a finais do s XII: “Johannem de Calaueyro” (doc ano 1199 en A. López Ferreiro, Colección Diplomática de Galicia Histórica, I, p 86). Actualmente, tamén se atopa este apelido grafado con -b- (Cabeiro) ou coas variantes Caaveiro e Caabeiro.