Céltigo
Antropónimo derivado do adxectivo latino celticus ‘céltico, celta’, xentilicio que se emprega para designar un individuo do pobo celta (denominado polos romanos galli ‘os galos’ e polos gregos keltoi ‘os celtas’); xa que logo, da mesma raíz ca o nome Celta. Para os romanos era unha das familias indoeuropeas, espallada pola Galia, norte de Italia, Britania e parte de Hispania. Segundo a mitoloxía histórica galega, Céltigo foi un dos primeiros poboadores de Galicia: fillo primoxénito de Gall (ou Galo) e de Celt, sobriño-neto de Artai e neto de Brigo (primeiro colonizador de Galicia), bisneto de Tubal (primeiro poboador da Península Ibérica) e tataraneto de Iafet (fillo de Noé). Segundo a lenda, o nome de Céltigo ou Céltico formaríase a partir do da súa nai, Celt, coa terminación do nome do patriarca Brigo, e a súa raza asentaríase entre o cabo Tosto (Camariñas) e o de Fisterra. A súa festa celébrase o 25 de xullo, día da Patria Galega.