Cenáculo Ourensán
Grupo intelectual que formaron Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Florentino López Cuevillas na súa etapa pre-galeguista e que se converteu no núcleo da Xeración Nós. Reuníanse en Ourense nos anos posteriores ao remate da Primeira Guerra Mundial e tiñan como modelo os cénacles romantiques creados en Francia na primeira metade do s XIX. O lugar de debate habitual das súas lecturas e iniciativas intelectuais era o Café Royalti, faladoiro por excelencia dos futuros membros de Nós, ao que se unían outros intelectuais e artistas como Primitivo Rodríguez Sanjurjo ou Losada Diéguez. A súa actividade cultural estaba vinculada ao Ateneo de Ourense, inaugurado en 1914: Otero ocupábase da tesourería, Cuevillas da biblioteca e Risco de dirixir a sección de literatura. Paralelamente, recibiron a influencia dos compoñentes da Comisión de Monumentos do Museo ourensán que organizaban un parladoiro vespertino nos baixos do Centro Provincial de Instrución onde non só se falaba de historia e arqueoloxía senón que atendían as novidades literarias: eles foron quen introduciron a estética modernista. Entre os seus asistentes contábanse Marcelo Macías, antigo profesor de Otero, o poeta Arturo Vázquez Núñez e o avogado Xulio Alonso Cuevillas, tío de Florentino. Otero, Risco e Cuevillas tamén frecuentaron as reunións que tiñan lugar na casa de Xulio A. Cuevillas, fronte ao xardín do Posío, onde se falaba de Valle-Inclán, amigo do anfitrión, de Rubén Darío e dos simbolistas franceses. Resultado das actividades e actitudes do cenáculo foi a creación en 1917 da revista literaria e cultural de corte modernista La Centuria, subtitulada como “revista neosófica” e dirixida por Vicente Risco.