Ceratonia

Ceratonia

Xénero de árbores perennifolias, monoicas ou poligamodioicas, da familia das cesalpináceas. Caracterízanse por presentar follas paripinnadas, de ata 20 cm de lonxitude, con grandes folíolos coriáceos ovados, de ata 7 cm de longo. As súas flores son sinxelas e dispóñense en acios que polinizan moscas e bolboretas nocturnas e dan lugar a froitos alongados de ata 20 cm, que constitúen legumes grosos de cor escura. A especie C. siliqua, que pode acadar os 12 m de altura, é orixinaria de Siria pero está localizada en gran parte do S de Europa, Asia e África. Cultívase dende a Antigüidade polo interese dos seus froitos na alimentación do gando, especialmente dos cabalos. As sementes, chamadas ervellas de Ceratonia, duras e ricas en azucres, serven para a elaboración de licores. Empregáronse como pesos por xoieiros e farmacéuticos e constituían os quilates ou unidade de peso. Na Península Ibérica está presente nas partes máis cálidas da rexión mediterránea.