Ceratophyllum

Ceratophyllum
[PLANTA]

Xénero de plantas acuáticas perennes da familia das ceratofiláceas, co talo de ata 150 cm, sen raíces e con follas filiformes, divididas dicotomicamente e dispostas en verticilos. As flores son unisexuais e poden aparecer cos dous sexos no mesmo pé; presentan ata 12 pezas sepaloides: de cor verde nas flores femininas e branca nas masculinas, que presentan ata 20 estames. A polinización ten lugar dentro da auga e dá lugar a un froito en aquenio. A reprodución vexetativa por xemas ou propágulos é frecuente. Viven somerxidas en cursos de auga lentos. En Galicia está presente a especie C. demersum.