cerdeira
(< lat v cerĕsĭa< lat cerăsĭu)
-
s
f
[PLANTA]
Árbore do xénero Prunus da familia das rosáceas, de ata 20 m de altura, e con follas ovadas de bordo serrado. As flores son brancas e dispóñense en umbelas que aparecen sobre pólas do ano anterior. Os froitos, as cereixas, son drupas esféricas que varían na cor dende amarela ata moura. As cerdeiras están distribuídas polo sur e centro de Europa e Asia Menor. Son propias de bosques, lindeiros e abas de montes, prefiren solos acedos e areosos, e presentan gran resistencia ao frío. Debido á selección realizada polo home, distínguense máis de 600 variedades de cultivo de froito doce e 300 variedades de froito acedo. Aínda que a reprodución por sementes é plenamente viable, prefírese o enxerto para asegurar a calidade e homoxeneidade dos froitos, que se empregan en marmeladas e licores. Outras especies ou variedades aprécianse como árbores ornamentais.
Sinónimos: cereixeira. Confrontacións: guindeira. -
cerdeira común
[PLANTA]
Cerdeira de 5 m altura, de cortiza acastañada encarnada, follas de ata 7 cm de lonxitude, flores brancas de 2 cm de diámetro e froitos do mesmo tamaño, de cor vermella a negra, con polpa zumenta e agridoce. Orixinaria de Macedonia, Asia Menor e o Cáucaso, está amplamente distribuída por Europa como cultivo debido á calidade dos froitos.
-
cerdeira das estepas
[PLANTA]
Cerdeira de porte reducido, con acios florais, que se asocian en grupos de dous ou tres, de flores de 3 cm de diámetro. As cereixas son de cor púrpura escura e de 8 mm de diámetro. Utilízase para formar sebes ou bonsais.
-
cerdeira de Carolina
[PLANTA]
Cerdeira que acada os 13 m de altura, de cortiza cinsenta, con follas de ata 10 cm de lonxitude de pecíolo groso e de cor laranxa, que se manteñen na planta dous anos, con flores de cor crema de 4 mm de diámetro e froitos oblongos de 1 cm de cor negro. É unha especie propia de Norteamérica que resulta tóxica para o gando.
-
cerdeira de Formosa
[PLANTA]
Cerdeira de porte arbustivo que acada os 7 m de altura e flores campaniformes, de cor vermella e pendurantes en grupos. Orixinaria de Xapón, existen numerosas variedades ornamentais.
-
cerdeira mexicana
[PLANTA]
Cerdeira de 6 metros de altura con follas de 8 cm de lonxitude algo coriáceas. Presenta flores brancas de 1 cm de diámetro que dan lugar a unha cereixa de 15 cm de diámetro. Esta especie é orixinaria de México.
-
cerdeira de Pissard
[PLANTA]
Árbore de follas de cor púrpura, caducas, de bordo dentado e dispostas de xeito alterno. As pólas, cando son novas, presentan unha coloración rubia. As flores son hermafroditas, pentámeras, con numerosos estames e de cor branca ou rosada. Aparecen, ao principio da primavera, antes das follas, en grupos de ata cinco. O froito é unha cereixa comestible da cor do viño. Procedente de Persia, chegou a Francia no 1881, e dende este país estendeuse a toda Europa. En Galicia emprégase como árbore ornamental en parques e xardíns.
-
cerdeira primaveral
[PLANTA]
Cerdeira de ata 10 m de diámetro, con follas de 7 cm de lonxitude e flores rosadas de 2 cm de diámetro; os froitos, ovoides e negros, teñen 8 mm de diámetro. Orixinaria de Xapón, cultívase como ornamental.
-
cerdeira gregoriana
[PLANTA]
Cerdeira de ata 15 m de altura de cortiza lisa, con lenticelas, de cor acastañada escura cun cheiro ácido característico, de follas elípticas, de cor verde escura polo dorso e verde azulada no envés, de ata 12 cm de lonxitude cos nervios que poden presentar grupos de pelos. As flores son brancas, con pétalos que dobran en tamaño os estames, con cheiro a améndoas, de 15 mm de diámetro en grupos de 15 ou 20, en acios pendurantes. As cereixas teñen 8 mm de diámetro, cor negra e sabor agridoce. Distribúese por Europa Central e Meridional, e Siberia. En Galicia está presente nos bosques da metade oriental do país. A madeira emprégase en ebanistería e da especie obtivéronse variedades hortícolas.
-
cerdeira de santa Lucía/cerdeira mahometana
[PLANTA]
Cerdeira de 10 m de altura, con follas de base cordada de ata 6 cm de lonxitude e froitos de 6 mm de diámetro. Esta especie é orixinaria da zona central e meridional de Europa.
-
cerdeira de Sargent
[PLANTA]
Cerdeira de ata 15 cm, de cortiza lisa e vermella con grandes lenticelas, follas de 10 cm de lonxitude que se tornan na madurez de cor laranxa ou escarlata, con flores de cor rosada duns 3 cm de diámetro e froitos de 8 mm de diámetro de cor vermella escura. Orixinaria de Xapón, Corea e a illa Sakhalin, emprégase como árbore ornamental.
-
cerdeira negra/cerdeira do ron
[PLANTA]
Cerdeira de ata 30 m de altura, de cortiza de cor acastañada, con follas que acadan os 13 cm de lonxitude e flores brancas de 8 mm de diámetro. Os froitos empréganse para aromatizar augardentes, especialmente o ron. É unha especie natural de Norteamérica.
-
cerdeira silvestre
[PLANTA]
Cerdeira de ata 20 m de altura, de codia lisa, anelada e de cor rubia, con follas de ata 12 cm de lonxitude e flores brancas de 3 cm de diámetro sobre longos pedúnculos agrupadas en inflorescencias axilares en umbela. Os seus froitos, en drupa de 1 cm de diámetro, son de cor vermella escura e superficie lisa. Está presente en Europa, Asia Menor e N de África. A súa madeira apréciana os torneiros para a realización de instrumentos musicais e os ebanistas para a fabricación de mobles. Tamén se emprega para enxertar nela variedades de froito de boa calidade da cerdeira común; este proceso realízase en inverno cando a planta ten un ou dous anos con pugas da cerdeira común da mesma idade.
-
cerdeira xaponesa
[PLANTA]
Cerdeira que acada os 20 m de altura, con follas de ata 12 cm de lonxitude e cor do cobre, e flores rosadas de 3 cm de diámetro que dan lugar a cereixas de cor negra. Orixinaria do leste asiático, cultívase con fins ornamentais; é un elemento común da arte oriental e constitúe un dos emblemas do Xapón.
-
cerdeira virxiniana
[PLANTA]
Cerdeira de ata 8 m de altura, con cortiza escamosa de cor acastañada, de follas de ata 12 cm de lonxitude, flores brancas de ata 10 mm de diámetro e froitos de 8 mm de diámetro de cor vermella escura. Orixinaria do leste e centro de Norteamérica, emprégase como ornamental.