cérvido -da
(< lat cĕrvu + gr ε→δος ‘forma, aparencia’)
-
adx
Relativo ou pertencente aos cérvidos.
-
s
m
[ANIMAL]
Mamífero da familia dos cérvidos.
-
s
m pl
[ANIMAL]
Familia de mamíferos ruminantes da orde dos artiodáctilos que comprende individuos de formas esveltas, áxiles e de dimensións variables (dende os 8 kg do pudú ata os 800 kg do alce). Presentan cola curta, patas e pescozo longos, ollos grandes e orellas na parte alta da cabeza. Os machos desta familia (no caso dos renos, machos e femias) posúen cornos anuais e case sempre ramificados; estes son de natureza ósea e no proceso de crecemento permanecen recubertos de pel; emprégannos nas loitas polas femias e como defensa ante os depredadores. A especies máis antigas de cérvidos presentan longos cabeiros para acoitelar outros machos nas loitas polas femias; pode ser que a aparición posterior dos cornos estivese relacionada cunha función defensiva ante os ataques cos cabeiros como acontece co muntjac. Teñen diversas formas de comunicarse como a zona clara que presentan baixo a cola e que serve para advertir do perigo, as secrecións das glándulas interdixitais e faciais e os berros e bramidos, que interveñen fundamentalmente nas relacións sexuais. As crías presentan un deseño críptico manchado de branco. Os cérvidos son silvícolas e a súa distribución xeográfica é moi ampla (rexións temperadas e frías). Na Península Ibérica están presentes o cervo, o gamo e o corzo. A familia dos cérvidos divídese en catro subfamilias: a dos hidropotinos, formada unicamente polo xénero Hydropotes, ó que pertence o cervo acuático, desprovisto de cornos pero con caninos superiores moi longos; a dos muntiacinos, na que os machos portan cabeiros pero tamén pequenas hastas, formada polos xéneros Muntiacus e Elaphodus; a dos cervinos machos, con grandes cornos, que a compoñen os xéneros Axis, Cervus, Dama e Elaphurus; e a dos odocilinos, na que tanto os machos coma as femias presentan cornos, que agrupa os xéneros Alces, Blastocerus, Capreolus, Hippocamelus, Mazama, Odocoileus, Ozotocerus, Pudu e Rangifer.