cetona

cetona

(

  1. s f [QUÍM]

    Nome xenérico das substancias orgánicas caracterizadas pola presenza do grupo funcional C=O (carbonilo) unido a dous radicais hidrocarbonados ou, nas cetonas cíclicas, formando parte dunha cadea alifática pechada. Segundo as regras da IUPAC, as cetonas alifáticas RR’CO pódense designar, na nomenclatura substitutiva, engadindo ao nome do hidrocarburo RR’CH 2 o sufixo -ona; diante do nome vai o número que indica a posición do carbono carbonílico na cadea. Na nomenclatura rádico-funcional, os radicais unidos ao grupo CO cítanse seguindo a orde alfabética. Así, a cetona CH 3 CH 2 COCH 3 pode chamarse butanona ou cetona etílico-metílica. As propiedades químicas das cetonas son as xerais do grupo carbonilo. Os oxidantes fortes rompen a cadea de carbonos das cetonas e dan ácidos carboxílicos. As cetonas pasan a alcois secundarios, ou ben a 1,2-dialcois, por redución. O paso directo de cetona a hidrocarburo conséguese mediante a redución de Clemmensen ou tamén pola de Wolff-Kishner. Algúns métodos de preparación das cetonas son: a oxidación ou deshidroxenación de alcois secundarios, a destilación dos sales cálcicos dos ácidos carboxílicos, a reacción dun haluro de alquil-magnesio sobre un éster, a condensación de ésteres orgánicos ou a descomposición de cetoácidos. Moitas cetonas empréganse como disolventes e en perfumería; outras forman parte de produtos olorosos naturais, por exemplo, dos aceites etéreos e das graxas rancias.

  2. cetona dipropílica [QUÍM]

    Líquido incoloro de olor penetrante e sabor ardente que ten unha densidade de 0,821 g/l (a 15°C) e ferve a 144°C. Utilízase como disolvente.

Palabras veciñas

cetoácido | cetoéster | cetohexosa | cetona | cetonemia | cetonia | Cetonia