Chan de Castiñeiras

Chan de Castiñeiras

Mámoa situada en Vilaboa, tamén coñecida como Mámoa do Rei, descrita e escavada nos anos cincuenta por Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, Alfredo García Alén e Carlos Alonso del Real. A anta, moi deteriorada, está no interior dun túmulo de 3 m de altura e cunhas dimensións de 30 m no eixe maior e 20 m no menor. Conserva catro chantas, unha ao N e tres ao S, que posiblemente configuraron unha planta poligonal. No transcurso das escavacións descubriuse o seguinte enxoval: cinco puntas de frecha de base triangular, un microlito, un núcleo de sílex, un disco en lousa, unha bóla de granito e un fragmento de limonita. Nunha das chantas do S pódense observar varios gravados a base de liñas horizontais onduladas e outro gravado posterior de tipo cruciforme.

Palabras veciñas

Chan | Chan da Armada | Chan da Arquiña | Chan de Castiñeiras | Chan de Razo | Chan do Rei, A | Chan, O