Chernobil
Localidade da provincia de Kiev, Ucraína, no N do país preto da fronteira con Bielorrusia. O 26 de abril de 1986 o reactor nº 4 da súa central nuclear sufriu unha avaría que provocou unha explosión e a emisión á atmosfera de partículas radiactivas. As emisións propagáronse por un radio de miles de quilómetros, dende o Mar Negro ata o Báltico e o Canal da Mancha (Ucraína, Moldavia, Bielorrusia, Rusia, os Países Bálticos, a Península Escandinava, Polonia, Alemaña, etc). Os traballos de extinción do incendio prolongáronse durante cinco días. As localidades próximas foron evacuadas, entre elas as cidades de Černobyl (estim 40.000 h) e Pripiat (estim 25.000 h). A central nuclear de Černobyl inaugurárase en decembro de 1983 e, segundo a propaganda, contaba cos dispositivos de seguridade máis avanzados, tres sistemas totalmente independentes que garantían unha cobertura eficaz fronte ao risco de posibles fallos. O accidente produciuse durante un ensaio do sistema de refrixeración; para poder desenvolvelo os técnicos desconectaron os sistemas de seguridade, pois sabían que no transcurso do experimento se activarían e impedirían a súa conclusión. Logo do accidente a central continuou activa ata o 15 de decembro de 2000, data na que se clausurou definitivamente despois de que os EE UU e a Unión Europea proporcionaran a Ucraína 4.400 millóns de dólares. As consecuencias do accidente son incalculables. A radiación afectou a un radio de 2.000 km, aínda que as repercusións máis graves se sufriron en Ucraína, Bielorrusia e Rusia. Segundo a Axencia Internacional da Enerxía Atómica, unha superficie de 160.000 km2 está contaminada; deles 105.000 km2 presentan uns índices de radiación superiores a 1 Ci/km2 e uns 40.000 km2 quedaron inutilizados perpetuamente para usos agrarios. As poboacións situadas nun radio de 30 km ao redor da central fican deshabitadas dende aquela: unhas 375.000 persoas non puideron regresar aos seus fogares; aínda así a AIEA estima que unhas 825.000 persoas (2001) residen en áreas con índices de radiactividade superiores a 5 Ci/km2. As repercusións para a saúde dos expostos á radiación son gravísimas. Entre 1986 e 2000 finaron máis de 30.000 persoas por causas atribuíbles ao accidente, fundamentalmente leucemias e cancros. A morbilidade xeral incrementouse en Ucraína nun 30%. Ademais, os efectos da radiación repercuten en malformacións conxénitas nos neonatos. As repercusións do accidente seguirán afectando á poboación durante 1.000 anos. As consecuencias económicas tamén son desastrosas: no ano 2000 Bielorrusia dedicou o 25% do seu PIB a programas de recuperación, mentres que Ucraína destinou o 6% e Rusia o 1%. Tamén tivo importantes repercusións políticas, derivadas da crise de confianza nas autoridades soviéticas, que non fixeron público o accidente ata o 28 de abril, despois de que se detectasen niveis alarmantes de radiación en Suecia; pero, sobre todo, o custo económico da catástrofe contribuíu a acelerar o colapso das finanzas da URSS e foi un elemento máis que provocou o derrubamento do réxime comunista.