Chévere
Grupo teatral formado en Santiago de Compostela no período 1987-1988. Entre os seus fundadores estaban Miguel de Lira, John Eastham, Vicente Mohedano e Xesús Ron. Dende os seus inicios, o seu teatro caracterizouse polo humor, a ironía e a busca da innovación, coa produción duns espectáculos moi diferentes que van engadindo novos elementos para as montaxes creados, en moitos casos, a partir de textos e propostas colectivas. Realizaron os seguintes espectáculos: Supersónic, o mal non acouga (1988-1989), Río Bravo (premio Compostela ao mellor espectáculo, 1990), Big Band (1992), Máquina Total (1994), Annus Horribilis, ópera de garaxe con libreto de Pepe Sendón e música de Fran Pérez (1994), A rutina é o deber de todas as criaturas, ópera de peto a partir de textos de Manuel Cortés (1999) e Hero.es (2000), con textos de Chévere e Manuel Cortés. Esta compañía tamén rexenta unha das salas alternativas de Galicia: a Sala Nasa (Nave de Servicios Artísticos), que realiza un importante labor de dinamización musical e teatral de Galicia.